O documental ‘Saber Galiza’ viaxa pola provincia da Coruña a través do ciclo ‘Outono das Artes’

A Deputación da Coruña pon en marcha o ciclo ‘Outono das Artes‘ onde destaca a xira cinematográfica do filme documental ‘Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos’ dirixido por Cristina de la Torre e producido por Nós Televisión.

A xira arranca este 27 de setembro en Melide e continuará percorrendo a provincia ao longo do trimestre polos concellos de Arteixo, Val do Dubra, Pontedeume, Betanzos, Frades, Corcubión, Brión, Mazaricos e Rianxo.

A proxección, que é de balde e aberta ao público, contará coa presentación e coloquio coa directora do filme. Entra aquí para ver todas as datas e lugares da xira

A revolución da cultura e ciencia galegas

Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos‘ é un documental que recupera a historia e o legado dunha das institucións fundamentais da cultura galega do século XX. A través de testemuños de especialistas, documentación histórica e a participación de estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, o filme percorre a traxectoria do Seminario de Estudos Galegos, pioneiro na investigación científica e humanística sobre Galicia. Unha proposta divulgativa que invita a redescubrir unha experiencia colectiva decisiva para comprender a historia, a lingua e a identidade do país.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego