O Festival Rosalía volve a Compostela co galego como “o noso superpoder”

‘O galego é o noso superpoder’ é o lema que celebra este venres 24 e sábado 25 de febreiro o Festival Rosalía que, un ano máis, volverá levar ás rúas de Compostela actividades para todos os públicos, con concertos, paseos literarios, un faladoiro, exposicións de traballos escolares e a feira de produtos rosalianos.

O Concello de Santiago colabora nesta iniciativa organizada pola Deputación da Coruña e que se desenvolverá en varios espazos da cidade vella como a praza de Cervantes, o Teatro Principal, o CSC Maruxa e Coralia e o Colexio Maior de Santo Agostiño.

Na presentación da programación, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón recordou que o Festival servirá “de colofón para ese 23 de febreiro, Día de Rosalía, que como en anos anteriores, encheremos con ofrendas florais, homenaxes, actos e actividades que recollen o espíritu e o legado da nosa poeta máis universal”.

Noutra banda, a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, fixo fincapé en que este ano o Festival incrementa a programación e esténdese a dúas xornadas cunha serie de actividades pensadas “como unha oferta activa, na que poder participar, xa non só como público senón tamén percorrendo a cidade para redescubrir a cidade rosaliana”.

Programa

Feira de produtos rosalianos. Feira de produtos que teñen a Rosalía como inspiración, produtos con ‘marca Rosalía’, activa os días 24 (17.30-21.00) e 25 (12.00-21.00) de febreiro.

Venres 24

17.30h | Apertura da Feira e Benvida de Super Rosalía
18.00h | A VIAXE DE ROSALÍA. Teatro de monicreques a cargo de Larraitz
Urruzola. Praza de Cervantes
19.00h | OS ESPAZOS DE ROSALÍA EN SANTIAGO. Paseo literario con
Mercedes Espiño. Saída da Praza de Cervantes.
20.30h | Concerto de ADHARA & RHITMAN. Praza de Cervantes

Sábado 25

12.00h | Apertura da Feira e Visita de Super Rosalía
12.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de Santo Agostiño.
13.00h| PASARRÚAS ROSALIANO. Pasarrúas teatralizado con Os Quinquilláns. Saída da Praza de Cervantes.
13.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de Santo Agostiño.
16.30h | CHOVE MIUDIÑO. Espectáculo infantil con Sole Felloza. Praza de Cervantes
17.30h | O FEMINISMO EN ROSALÍA: MÁIS UN SUPERPODER. Faladoiro con María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez. Praza de Cervantes
18.30h | 1 FABA, 1 VIDA. Poesía e música con Ugia Pedreira e Marina Oural. CSC Maruxa e Coralia.
19.30h | NON HAI QUEN LLOS BOTE. Recital poético con Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich. Praza de Cervantes
21.00h | Concerto de O VAL DAS MOURAS. Teatro Principal.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego