O Festival Noroeste da Coruña dá un xiro e aposta este ano por máis grupos galegos e femininos

A Coruña acolle unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebra do 6 ao 10 de agosto con máis dunha trintena de concertos en 6 escenarios diferentes, repartidos por toda a cidade. Como principal novidade, nesta edición haberá concertos en María Pita, que se suma á relación de escenarios para facilitar o tránsito de público entre uns e outros, e nace unha nova localización no Portiño, con Mercado da Colleita, impulsado por Hijos de Rivera, e actividades para toda a familia nunha das postais máis icónicas da Coruña. “O Goberno de Inés Rey volve a amosar o seu compromiso cun festival referente a nivel nacional e que aposta por artistas de diversos estilos musicais que encherán diferentes espazos representativos da cidade”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

O cartel está inspirado nas vidreiras das galerías da Mariña, que forman unha das vistas máis bonitas de toda Galicia. O XXXVIII Festival Noroeste Estrella Galicia dá continuidade á súa internacionalidade, xa que contará con propostas chegadas de Reino Unido, Países Baixos, Mali, Marrocos ou Senegal, e reforza a aposta pola música galega e a presenza feminina, en máis do 50% do cartel. Ata 19 bandas proveñen de Galicia e todos os concertos serán gratuítos.

A praia de Riazor, a praza de María Pita, o Castillo de San Antón, Campo da Leña, praza de Azcárraga e O Portiño serán os escenarios desta trixésimo oitava edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Neste último haberá actividades para toda a familia, con Mercado da Colleita, que volve formar parte da programación desde o venres ata o domingo. Rapariga DJ, Raphael da Ghetto, Eme DJ, Yo Soy Ratón e DJ Peligro ofrecerán espectáculos neses días.

Galicia brillará como nunca en Riazor o venres 8 de agosto. Carlos Ares, artista, produtor e compositor cunha das voces máis persoais e inquietas da escena alternativa, dará paso aos locais Luar na Lubre, a banda coruñesa de música galega máis internacional, e Grande Amore: “o grupo máis ruidoso da súa xeración”, recentemente recoñecido co Premio MIN 2024 ao mellor álbum en galego.

Na praia recalará o sábado 9 una das bandas de rock moderno máis formidables de Inglaterra: The Vaccines, que xunto a Siloé e a multipremiada artista galega Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena actual, poñerán o peche ao escenario máis emblemático do festival.

Unha das voces máis impresionantes da actualidade Queralt Lahoz, ou o sempre irreverente Albert Pla, entre outros, inaugurarán María Pita como espazo escénico do Noroeste Estrella Galicia. O Campo da Leña subirá o volume con bandas como Los DelTonos, O’funk’illo, Hermana Furia, Doctor Snob e Battosai, entre outras.

No Castelo de San Antón, pola súa banda, actuarán Vieux Farka Touré, Ballaké Sissoko & Piers Faccini e McEnroe. As invitacións para estos concertos estarán dispoñibles no despacho de billetes da praza de Ourense a partir do martes 5 de agosto, no seu horario habitual. Poderanse retirar un máximo de dúas invitacións por persoas. Dez minutos antes de comezar o concerto, a entrada ao castelo será libre ata completar capacidade.

Azcárraga, que sempre regala á cidade algunhas das sorpresas máis gratas do festival, acollerá sobre as súas táboas a P.P. Arnold (USA), que nas súas 5 décadas de traxectoria relacionouse con Tina Turner, The Rolling Stones ou Rod Stewart, ás tamén americanas Annie and the Caldwells co seu potente soul disco do Mississippi ou a JP Bimeni and the Black Belts (África), un mestre do funk-soul moderno de inspirador estilo soul africano. Azcárraga tamén acollerá aos novos talentos da cidade – dos locais de ensaio municipais – con grupos como Revel Velvet, Experimento Basement, Roda Door e Nordés.

O Festival Noroeste Estrella Galicia está organizado polo Concello da Coruña e conta co apoio institucional da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ademais do patrocinio de Estrella Galicia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego