Compostela convértese nun grande escenario para a diversidade das músicas atlánticas entre os días 25 e 29 de setembro grazas ao festival MARÉ que chega á súa quinta edición cunha trintena de bandas procedentes de países como Palestina, Portugal, Alemaña, Angola, Brasil, Estonia ou México.
O director do festival, Vitor Belho, presentaba o festival en compaña do secretario xeral de Política Lingüísitica, Valentín García; a concelleira de Capital Cultura de Santiago, Miriam Louzao; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e Loreto Rodríguez Fuentes representando á empresa Estrella Galicia.
Actuacións por Compostela
Entre a listaxe de nomes anunciados no cartel, destacan referentes como Albert Plá & The Surprise Band, A Pedreira, Sumrrá & Niño de Elche ou Sés. A isto tamén se sumaron Ultranoite na Maré, que significa o regreso a Compostela deste histórico formato do Grupo Chévere, e Lá no Xepangara, espectáculo ao redor de José Afonso.
O programa espallarase por Santiago ao celebrar os seus concertos na Praza Mazarelos, no Teatro Principal, na Casa das Crechas, na Sala Capitol e na Riquela.
MATE Europa
MARÉ tamén inclúe os encontros profesionais MATE Europa, que abranguen showcases, palestras e outras accións sectoriais, actuacións para a cativada e actividades de circo, poesía e artesanía con MARÉ Rúa.