O festival Maré 26 arrancará este mércores con Magalí Sare e Vox Stellae no Teatro Principal e Aterciopelados na Capitol

O Festival de Músicas e Artes Atlánticas dará comezo o vindeiro mércores 23 de setembro e, ata o domingo 27, espallará por diferentes espazos da cidade unha programación que reúne máis de 30 espectáculos, con artistas procedentes de máis de 16 países e representación de 12 linguas. Jazz, folk, rock, reggae, trova cubana, samba, fado, blues e músicas de raíz convivirán durante cinco días nun festival que aposta por tecer novas conexións entre Galicia e o mundo.

A primeira xornada contará con dúas das grandes citas desta edición. Ás 20.00 horas, no Teatro Principal, Magalí Sare e Vox Stellae presentarán Descasada, vol. 1, un proxecto no que a artista catalá explora, a través de cancións en diferentes linguas, as experiencias das mulleres arredor do matrimonio. Ás 22.00 horas, na Sala Capitol, chegará Aterciopelados, unha das formacións fundamentais do rock alternativo colombiano, que levará a Compostela a súa mestura de rock e raíces latinoamericanas. A xornada completarase coa programación de A Banda das Crechas.

Cinco días de músicas e encontros

O xoves 24 estará marcado pola música cubana e brasileira. Haydée Milanés & Javier Colina presentarán ás 20.00 horas no Teatro Principal A mi manera, unha reinterpretación de clásicos do repertorio cubano desde o diálogo entre canción e jazz. Na Sala Capitol, ás 22.00 horas, será a quenda de Bia Ferreira, mentres que a programación se estenderá tamén a outros espazos da cidade con propostas como David Regueiro Trio feat. Thomas Kretzschmar e Arapucagongon.

O venres 25, Maré continuará a explorar as conexións entre tradición e contemporaneidade. Marcos Coll presentará no Teatro Principal o seu novo traballo Ronsel, mentres que na Sala Capitol, ás 23.00 horas, Omar Souleyman achegará o seu particular diálogo entre o dabke e a electrónica. A xornada contará tamén con Camille & Matthieu Saglio, Josyara, Expresso Transatlântico, Indus e outras propostas repartidas por diferentes espazos composteláns.

O 26 de setembro, Día Europeo das Linguas

O sábado 26, coincidindo co Día Europeo das Linguas, Maré concentrará unha das xornadas máis representativas da súa vontade de conectar territorios, linguas e culturas.

A creación galega terá unha presenza especialmente destacada con Trilitrate, Lideira e Faia, tres propostas que desde diferentes perspectivas exploran a música de raíz e a creación contemporánea. A xornada contará tamén con Camille & Matthieu Saglio, Casapalma, María Marín, Shooglenifty e Jupiter & Okwess, entre outras propostas.

Unha das citas centrais será o concerto de António Zambujo, protagonista de Maré Recomenda, que actuará ás 19.00 horas no Auditorio de Galicia, mentres que ás 20.00 horas o Teatro Principal acollerá a ALA.NI. A xornada pecharase na Sala Capitol con Cuba canta en Maré, ás 23.00 horas, unha produción que reunirá a Alejandro Vargas Trío, Reynier Aldana, Lindiana Murphy, Frank Delgado, David Álvarez, Loidis Taboada, Wöyza e Rafael Briseño arredor da riqueza musical cubana e das conexións da súa diáspora con Galicia.

O domingo, Maré mira cara ao Atlántico

O domingo 27 porá o punto final a cinco días de programación con novas propostas de creación e diálogo entre territorios. Entre as citas destacadas estará Misa “El Bosque Negro”, de Alejandro Vargas & Gino Sitson, ás 12.30 horas na Igrexa da Universidade, e De Zemambiquo a Zigala, o encontro entre Cheny Wa Gune e A Pedreira, ás 19.30 horas na Sala Capitol. A programación contará tamén con Sumrrá e Péter Sélek, entre outras propostas.

Galicia como punto de encontro

A presenza galega atravesa toda a programación de Maré 2026 e sitúase en diálogo con artistas e proxectos chegados de diferentes partes do mundo. Faia, Trilitrate, Lideira, Marcos Coll, Gloria Pavía e Rafa Morales, Zeltia Irevire, David Regueiro Trio ou A Pedreira, entre outras propostas, forman parte dunha programación que entende a música galega como unha cultura viva, aberta ao intercambio e á transformación.

Esta diversidade responde á propia identidade de Maré, que se define como un espazo de encontro entre proxectos de raíz que cruzan fronteiras, xéneros e linguas, establecendo diálogos coa lusofonía, as diásporas, América Latina, África e Asia. O festival esténdese por prazas, salas de concertos, teatros e centros culturais, integrándose no tecido urbano e no patrimonio de Santiago de Compostela.

Con cinco días de programación por diante, Maré 2026 prepara xa a súa chegada a Santiago, cunha proposta que combina grandes nomes da escena internacional, creación galega, músicas de raíz, novas linguaxes e encontros entre artistas e públicos

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego