O Festival Galicreques reivindica os monicreques para todas as idades

O festival ofrecerá máis de 60 funcións da man de 26 compañías e artistas

Este sábado, día 8, dará comezo a 27ª edición do Festival Internacional Galicreques en Santiago de Compostela e proseguirá ata o 16 de outubro cunha programación que conta con 60 funcións repartidas por diferentes escenarios, centros socioculturais, rúas e prazas de Santiago.

Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio e patrocinio de institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura, Iberescena ou a Fundación SGAE, contará no seu cartel con 26 compañías, procedentes de oito países que lle dan o seu perfil internacional e ás que cómpre sumarlles as formacións galegas e as que veñen do resto de España. “Recuperamos todo o vigor da programación escolar tras dous anos de restricións, seguimos a afondar na descentralización ao espallar as funcións por barrios, rúas e centros socioculturais e apostamos por un programa específico para o público adulto”, resumiu  en rolda de prensa Jorge Rey, director de Galicreques, na compaña da concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo.

‘Cara BÉ’ para os adultos

Rey, na súa intervención, subliñou como gran novidade deste ano a posta en marcha do selo e do programa ‘Cara Bé. Todo ten outra cara’, que servirá para identificar as obras que están destinadas para ao adultos. Deste xeito, Galicreques procurará “minimizar a idea preconcibida” de que o xénero dos monicreques só está destinado á cativada, cando a realidade e a historia deste tipo de teatro interpela dende sempre “ todo tipo de espectadores e idades”.

Novidades escénicas

Galicreques ofreceralle ao público compostelán cinco estreas absolutas. Entre elas, destaca o espectáculo Tolo, coprodución da compañía galega Cinema Sticado e da turca Tiyatro Eksen co Centro Dramático Galego (CDG) que servirá de clausura ao festival o domingo 16 no Teatro Principal, e Treboada, a nova proposta que a formación franco-galega Nauta dará a coñecer pola zona vella de Santiago este domingo ás 12.00 h. Tamén será novo os espectáculos dos portuguesas de Caricata, que actuarán con Mil e uma o sábado 15 no Teatro Principal.

Tres Tigres Teatro

Durante a rolda de prensa, desvelouse a quen se lle outorgar neste 2022 o Premio de Honra Galicreques: A compañía arxentina Tres Tigres Teatro que  presentarán a obra ¿Qué hacemos con Ubú? Con esta peza, a formación arxentina participará no programa escolar de Galicreques, que neste 2022 incluirá 12 funcións e que se desenvolverán ao longo da semana lectiva que vai do 10 ao 14 de outubro. O cartel de representacións para centros de ensino estenderase máis aló das marxes do festival ao ofrecer tres obras na Fundación SGAE entre o luns 17 e o mércores 19.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego