O festival folk Lume na lareira homenaxeará a Joaquín García e a saga de artesáns do obradoiro de gaitas de Riobó

O festival folk Lume na lareira chegará á súa décimo sexta edición o vindeiro domingo 12 de novembro. O evento, que terá lugar no Teatro Principal da Estrada, estará presentado por Julio González e contará coa actuación do grupo tradicional Os Alegres de Pontevedra, cunha traxectoria musical de 85 anos ininterrompidos, e a acordeonista Begoña López, campioa de España amateur neste instrumento.

Co acordeón tamén subirá ao escenario o búlgaro Cristo Christini, campión europeo. O festival tamén contará con Os do Fuelle, de Maceda, Antonio Barros, Ialma e a agrupación A Carballeira de Cercio de Lalín. O humor virá a cargo do Padre Xiao.

O broche final virá a cargo da agrupación local Lume na lareira nun festival no que se homenaxeará ao artesán Joaquín García, fabricante de gaitas de Riobó que se xubilará este 11 de novembro tendo que pechar o seu obradoiro situado no concello estradense.

Homenaxe a Joaquín García, o adeus a unha saga de artesáns

A xubilación de Joaquín Espiño o vindeiro mes de novembro levará ao feche do obradoiro de gaitas García de Riobó, considerado un dos máis antigos aínda en activo no noso país. A retirada de Espiño rematará cunha saga dedicada á fabricación de instrumentos, fundamentalmente gaitas e requintas.

As entradas para o Lume na lareira, de 5 euros, poden adquirirse no departamento de Cultura do Concello da Estrada e nos bares Mesón da Estrada e Eureka.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego