O festival do teatro galego 2023 terá lugar en Nadal no Carballiño, do 13 ao 16 de decembro e abrirá as funcións unha obra infantil, de balde para o alumnado dos centros educativos do Carballiño.
O groso das funcións terá lugar ás 20.30 h no auditorio municipal a un prezo de 8 euros na venda anticipada, podendo mercar o abono por 20 euros. O evento contará cunha programación variada e de calidade, con actores e actrices de recoñecido prestixio, tales como Guillermo Carbajo, Camila Bossa, Luís Iglesia, Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Laura Míguez, Nerea Rodríguez, Luís Vázquez, Aldara Vázquez…
O FETEGA, que habitualmente se viña celebrando a primeira semana de setembro, traslada a súa programación a decembro, nas datas previas ao Nadal. A intención da organización é testar estas datas no calendario de cara ás vindeiras edicións e crear un costume de consumo de teatro na vila. Ademais, entre as novidades que incorporará, figurarán diversos sorteos entre o público asistente.
No marco do festival, único na nosa comunidade que conta con todas as obras en galego, entregaranse os premios Dorotea Bárcena ao mellor espectáculo, escollido polo público, así como o premio de honra.