O Festival de Ortigueira alumea xa o mundo enteiro da cultura celta

A capital da cultura celta xa está en marcha. O Festival de Ortigueira 2026 quedou inaugurado co tradicional izado das bandeiras das nacións celtas e a interpretación do himno galego e ata o domingo, a vila será unha grande festa.

Inauguración

Todo o acto deste xoves estivo intercalado entre intervención e intervención con música, da man de dúos e tríos galegos, asturianos, irlandeses, bretóns e escoceses. O programa inaugural comezou, como non podía ser doutro xeito, co desfile e a música da Escola de Gaitas de Ortigueira, que recibiu unha calorosa ovación do numeroso público que ateigaba a praza de Isabel II.

Tras a actuación do artista galego Xesús Xeroca, chegou a quenda das primeiras intervencións institucionais. A encargada de abrilas foi Sofía García, flamante nova presidenta da Escola de Gaitas, quen agradeceu o labor dos seus predecesores.

Tras a intervención da presidenta da Escola, a música volveu ser protagonista, como ao longo de todo o acto. Nesta ocasión foi a quenda do dúo escocés Johnny & Blaen, que interpretou varias pezas con gaita e percusión.

A continuación tomou a palabra o director do Festival, Alberto Balboa, quen quixo destacar que “este ano presentamos unha das programacións máis amplas e variadas da historia recente do Festival. Máis de cen actividades conforman unha proposta pensada para públicos de todas as idades e para todas as formas de vivir o Festival”.

Tras as súas palabras chegou a actuación do ballet irlandés North Coast Irish Dance, que interpretou a peza “North Coast Jig”.

Deseguido tomou a palabra Natividad González, deputada provincial de Cultura da Deputación da Coruña, quen felicitou o Concello e a organización por un Festival que “desde o norte alumea o mundo”.

A música continuou co dúo asturiano formado polos novos valores Diego Lobo e Juan Maújo, gañadores en 2024 do prestixioso trofeo do Festival Intercéltico de Lorient.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, comezou a súa intervención cun agradecemento a todos os representantes institucionais presentes e cunha mención especial para Luísa, empregada municipal que se xubila tras corenta anos de servizo público.

Tras os agradecementos e esta emotiva lembranza, expresou a súa satisfacción por participar un ano máis nun Festival destas características.

Tras a intervención do alcalde, a música volveu ocupar o protagonismo coa actuación dun cuarteto bretón de gaitas, instrumentos de vento e percusión.

Para pechar a quenda de intervencións tomou a palabra Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, quen, do mesmo xeito que o director do Festival, decidiu deixar de lado o discurso que levaba preparado para compartir unha lembranza persoal: “Para un rapaz de San Sadurniño, ver como no verán comezaba a subir xente coas mochilas significaba que xa sabiamos que empezaba o Festival. Eu dicíalles aos meus pais que quería subir, e respondíanme que aínda era moi novo. Anos despois, puiden vir moitas veces”.

Como é tradición, o acto concluíu cun dos momentos máis emotivos da xornada: o izado das bandeiras das oito nacións celtas ao son do himno galego, interpretado pola Escola de Gaitas de Ortigueira.

Deste xeito deuse paso á segunda xornada de música e gastronomía na Vila Celta e á primeira das catro noites de concertos no Escenario Estrella Galicia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego