O Festival de Ortigueira abre a convocatoria do Concurso Runas 2024

Ábrese o prazo de inscrición para o Concurso Runas 2024 do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Esta iniciativa está enfocada a bandas musicais de entre dous e dez integrantes, cuxo repertorio estea relacionado coa música tradicional dos países de orixe Celta. O certame, destinado a fomentar a promoción de novos valores da música Celta, chega a súa 25.ª edición nun Festival de Ortigueira que retoma o formato de catro días do 11 ao 14 de xullo.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 23:59 h do luns 29 de abril de 2024 e o proceso de selección constará de dúas fases. Na primeira, un comité técnico nomeado polo Concello de Ortigueira fará unha selección dun máximo de dez formacións. A partir do martes 7 de maio, terá lugar a segunda, na que o público poderá escoitar e votar aos grupos seleccionados na web do Festival ata o martes 21 de maio ás 14:00 h.

Os grupos finalistas determinaranse por un sistema de cinco votos. Un voto sairá do sistema de votacións da web do Festival, os catro votos restantes procederán dun xurado composto por músicos, xornalistas musicais e promotores seleccionados polo Concello de Ortigueira.

Do resultado da segunda fase sairán elixidos os tres finalistas do Concurso Runas 2024, que serán anunciados o mércores 22, xoves 23 e venres 24 de maio nas redes sociais e na páxina web do Festival. Estes actuarán o xoves 11 de xullo no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e recibirán un caché de 1.500 €. O gañador actuará na edición de 2025 cun caché de 3.000 €.

Os finalistas compartirán escenario con grandes artistas como Ailá, Aroze, BackWest, Bagad Brieg, Capercaillie, Cúig, Dervish, Escola de Gaitas de Ortigueira, Fillas de Cassandra, Green Lads, Kinnaris Quintet, NoGood Boyo, Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band ou Muro Kvartet, gañador do Concurso Runas 2023.

O Concurso Runas, que vén celebrando desde o ano 2000, ten como obxectivo a difusión da cultura e música Celta a través da promoción de grupos noveis, primando sempre as
composicións propias. O certame mantense fiel aos seus principios, aínda que no camiño
evolucionou nas súas formas. Xa son máis de 250 bandas nacionais e internacionais as que
pasaron por el, o que indica a importancia desta plataforma de promoción de grupos noveis
dentro da música celta e folk

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego