O Festival de Cine de Ourense 2022: 40 obras de cineastas de Galicia, unha aposta pola paz e o centenario de Nosferatu

O Festival de Cine de Ourense (OUFF), que se celebrará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro, acollerá corenta obras de cineastas de Galicia que inaugurará esta edición coa estrea mundial do último filme de Ángel de la Cruz, O home e o can. A obra, un drama sobre a soidade dos maiores e a crise demográfica do rural, protagonizada por Manuel Manquiña, compartirá Sección Oficial con O corpo aberto de Ángeles Huerta, que estreará en España no marco do festival.

O OUFF, organizado pola Deputación de Ourense, pecharase cun pase especial de A mazá de ouro, a volta á dirección cinematográfica de Jaime Chávarri despois de 17 anos, rodada integramente en Ourense. Chávarri recibirá tamén a Calpurnia de Honra desta edición do festival, e publicarase un volume arredor da súa figura, a cargo do crítico Alberto Abuín, dentro da súa colección MonografíasOUFF.

Tamén poderemos ver a estrea de El tirabeque, de Darío Autrán, ou para un adianto exclusivo dos work in progress dos últimos filmes rodados en Ourense –13 exorcismos (Jacobo Martínez), Honeymoon (Enrique Otero) ou Amigos hasta la muerte (Javier Veiga). Ademais, no marco do festival, o cineasta Xavier Villaverde amosará un breve extracto do seu próximo filme María Casares, la mujer que vivió mil vidas, unha longametraxe que nos achega de xeito íntimo e profundo a esta muller cuxa vida quedou marcada pola Guerra civil e o exilio a Francia.

Panorama Galicia e OUFF en Curto

A sección Panorama Galicia estará conformada nesta edición por filmes nos que se da boa mostra do traballo dun nutrido grupo de creadores e creadoras pertencentes diferentes xeracións e con gran variedade estilística: estrarase en España Kumo Kosa Ta? Recuerdos de Palenque, de Adrian Canoura, pero tamén se pasarán os filmes Onde máis doe (Manane Rodríguez), A cero 5 (Gonzalo Suárez Garayo), Julia (Jacobo Lagüela), 40 años después (Marcos Fernández), Do Miñor ao Plata, os ríos da vida (Xan Leira), Bienvenido Mr. Banksy (Carlos A. Quirós), José Iglesias Fernández: un ilustre ourensán descoñecido (Román Castaño), A virxe roxa (Marcos Nine), Egeria, la primera peregrina (Luis Menéndez), O camiño do viño. Historia de un arrieiro (Xoel Méndez), Cree, crea crece (Pablo Veiga Romero e Aldara Fernandez Servia) e Jacinto (Javi Camino).

Centenario de Nosferatu

Aproveitando o centenario deste clásico cinematográfico, o OUFF faralle unha homenaxe ao filme pioneiro do cine de vampiros cun pase de Nosferatu, un clásico do xénero de terror baseado na novela de Bram Stoker, Drácula. Na película, o axente inmobiliario Hutter viaxa a Transilvania para vender unha casa da súa cidade natal, Wisborg, ao misterioro Conde Orlok. O comprador resulta ser un vampiro interesado non só nunha nova residencia, senón tamén nunha nova presa.

Todo contará coa música orixinal do filme, composta por Hans Erdmann, cos arranxos e interpolacións de Humberto Armas e interpretada por Ensemble OU Camera Obscura -con integrantes da Real Filharmonía de Galicia e da Orquestra Sinfónica de Galicia-. O proxecto é unha produción do Festival Internacional de Cinema de Las Palmas de Gran Canaria, en colaboración co International Bach Festival adaptado e coordinado para o OUFF por Noemí Salomón.

‘Ourense pola paz’

O festival ‘Ourense pola paz’ entra dentro da programación do OUFF como unha aposta pola paz entre os pobos. Nel estrearase en primicia o videoclip ‘Dejemos sitio a la paz’, un traballo inspirado na recreación da escena da cama na que John Lennon e Yoko Ono se pecharon en favor da paz en plena Guerra de Vietnam (1969). 

Co gallo da exposición ‘Ao redor do Universo Beatles‘ que na pasada primavera organizou a  Deputación de Ourense a través da ICC Week 2022, xurdiu a idea, polos tempos de violencia e guerra que vivimos actualmente, de realizar un vídeo reproducindo as escenas gravadas naquel entón, pero esta vez adaptado aos aires galaicos achegados, entre outros, pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. A dirección deste vídeo correu a cargo de Chema Ríos contando coa produción musical de Juan de Dios Martín, a montaxe de Raúl Lorenzo, con Mey Ayala e Javier Parisi como principais protagonistas acompañados por un grupo de entusiastas amigos. Este evento contará coa presenza de músicos como Xoel López, Habitación Vudú, Extrema Urgencia, Cómplices, Javier Gurruchaga ou Javier Parisi, e coa actriz Ledicia Sola como directora.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego