O torreiro de Couso, no concello da Estrada volverá acoller o festival ‘As Nosas Músicas’ que se celebrará o 13 e 14 de agosto. A cita da música tradicional, que organiza a asociación A Xesteira, contará con obradoiros e mostras de artesanía e xogos tradicionais ademais das agardadas actuacións de ducias de agrupacións da música tradicional.
A primeira xornada, a do domingo, constará dunha sesión vermú que dará comezo ás 12 horas contando cun obradoiro infantil de instrumentos musicais a cargo de Oli Xiráldez ás 16.30 horas seguido dunha mostra de artesanía. Tamén haberá unha ruada en Couso que, a partir das 17 horas, fará sonar aos grupos Galega de Bailables, Retranqueiras, Silandeiras, Bouba e Requinta da Laxeira.
O luns os representantes da Asociación de Campaneiros de Galicia impartirán un obradoiro na igrexa parroquial de Couso seguido dunha sesión vermú amenizada por Faíscas da Pontragha. A partir das 17 horas, volverán os xogos tradicionais e a música para, ás 19 horas, gozar da compañía Seisdedos co espectáculo de títeres O galo Quirico e os seus amigos.
Á tardiña, a partir das 20 horas, comezarán as clases de iniciación ao baile tradicional con Nuria Gesteira que dará paso á última ruada, ás 21.30 horas, con Os Melidaos, Coanhadeira, Carunchos, Tiruleque y Art-Monium.
O festival conta cunha área de acampada na carballeira anexa á zona da festa e contará cunha área gastronómica. Na presentación do evento, o concelleiro de cultura, Juan Constenla, agradeceu o traballo realizado por A Xesteira que permiten “gozar de iniciativas de gran importancia cultural como As Nosas Músicas”.