O estudantado galego e o portugués únense para conmemorar o Día Mundial da Radio

Participarán máis de 2.000 estudantes de 38 escolas de Galiza e Portugal

A Asociación ‘Ponte nas ondas’ organiza unha vez máis o Día Mundial da Radio que este ano, o vindeiro luns 13 de febreiro, chegará a décimo segunda edición. Neste 2023, preto de 2000 estudantes de 38 escolas, institutos e centros universitarios de toda a Eurorrexión Galicia norte de Portugal uniránse desde diferentes radios e centros de ensino de ambos países. Entre os centros participantes, atópase o edificio Miralles da Universidade de Vigo, que se convertirá no nodo central desta celebración e onde chegarán, ademais do propio alumnado universitario, alumnas e alumnos de 15 escolas de ensino primario, catro centros de ensino secundario e, participando por primeira vez nesta iniciativa, o centro de educación especial Saladino Cortizo de Vigo.

Na rolda de presentación, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que comparecía xunto co director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, xunto cos representantes de Ponte… nas ondas! Santiago Veloso e Xerardo Feijoo e a artista Uxía Senlle, destacou que “desde a Universidade de Vigo levamos xa 15 anos colaborando con Ponte… nas ondas! e non temos máis que agradecerlles que nos permitan seguir formando parte deste proxecto”.

A radio unirá á Eurorrexión

Para Santiago Veloso, que agradeceu o apoio técnico de UVigoTv, será “unha xornada de radio actividade en toda a Eurorrexión” ou, en verbas do seu compañeiro Xerardo Feijoo, “unha gran festa da radio”.

Á festa unirase a radio en directo feita por estudantes na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e en diferentes radios municipais, desde Tui ata Burela, pasando por Allariz ou As Nogais, así como na Radio Universitaria do Miño e Radio Afifense de Caminha. As emisións arrancarán ás 10.00, hora galega; ás 09.00 hora portuguesa.
As actividades programadas para o vindeiro luns inclúen tamén a estrea do tema musical e do videoclip A Ponte, realizado por diferentes artistas da lusofonía para Ponte… nas ondas! “Este tema é un himno no que se fala, propiamente, de tender pontes a través da música e da educación”, explicou Uxía Senlle, impulsora da iniciativa e unha das artistas implicadas no proxecto, xunto co brasileiro Chico César ou a portuguesa Celina da Piedade, entre outros.

Máis información

Coñeces o proxecto Ponte nas Ondas? Sabías que conta co recoñecemento da Unesco polo seu labor de boas prácticas co patrimonio inmaterial galego-portugués? Contámoscho na nosa reportaxe!

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego