Este sábado dará comezo o Entroido en Compostela co desfile do Meco e o pregón de De Vacas. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada de Faia e Guillermo, membros do grupo De Vacas que estarán a cargo do pregón deste ano, presentou a figura do Meco deste Entroido que percorrerá o sábado as rúas de Compostela para quedar instalado no balcón do Pazo de Bendaña ata o mércores 14 cando será queimado na praza Roxa.
Así, o Entroido arranca oficialmente o sábado co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20 h da praza de Cervantes acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, ata chegar ao Pazo de Bendaña, onde quedará instalado ata o día 13. Dende o balcón escoitará, ao igual que todos os composteláns e compostelás que se acheguen ata a praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo da Marela, a Rubia, a Morena e a Pinta, o grupo compostelán De Vacas “que fai versión musicais de éxito mundial cun formato retranqueiro e divertido”.
A cita central da xornada do domingo será o Festival Infantil de Disfraces que se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés. Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas da proposta ‘Mascarada Tour’ que percorrerán as rúas da cidade histórica de Santiago o luns 12.
Martes de Entroido
O día grande do Entroido, o martes 13, traerá o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20 horas terá lugar a actuación dos Bregadiers, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile. A concelleira anunciou que, como novidade este ano, “todos e todas as compostelás que participen e non resulten premiados van ir a un sorteo polo que percibirán unha gratificación simbólica pola súa participación”.
Xa ao día seguinte, o mércores 14 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa tradicional “comitiva fúnebre que levará o Meco dende a praza do Toural até a praza Roxa coa participación das comparsas que o levaron o propio sábado: os Conformistas, A Ruliña e Os Armatroulas” para a súa incineración ás 21 horas. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.
Xenerais da Ulla
A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 17 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente e co Entroido de Conxo que ofrecerá unha amplo programa de actividade ao longo de toda a xornada.
Ademais, a edila de Festas destacou o “show improvisado de teatro, que terá lugar o sábado 10 no CSC de Conxo e o 17 no do Romaño, un espectáculo no que non hai texto previo e a través do propio público vaise creando a obra”. As persoas partipantes poderán asistir aos obradoiros de preparación previa que “se están realizando entre o 1 e o 8 deste mes nos centros socioculturais”.