O Enreguéifate celebra unha década de traballo arredor da improvisación oral en verso como vía para o fomento da lingua galega entre a mocidade. O proxecto, impulsado polos servizos de normalización lingüística de Ames, Arzúa, A Baña, Carballo, Narón, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo presentou o programa da súa décima edición.
Na presentación participaron a concelleira de Mocidade e Educación de Ames, Beatriz Martínez Domínguez; o concelleiro de Infancia e Xuventude de Arzúa, Daniel Moscoso Sixto; a concelleira de Acción social, Cultural e Servizos á Cidadanía da Baña, Mónica González Blanco; a concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas e Rural de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro García; os formadores do Enreguéifate Manuele Pardo e O Rabelo e o mestre e regueifeiro Manolo Maseda. Tamén asistiron ao acto as técnicas dos servizos de normalización lingüística dos concellos impulsores do proxecto.
Enreguéifate, construíndo patrimonio
Baixo o lema Enreguéifate, construíndo patrimonio, “esta edición celebra dez anos de colaboración e traballo conxunto entre os concellos, a comunidade educativa e a cidadanía”, segundo apuntaba a concelleira amesá, salientando tamén “o carácter expansivo, integrador e inclusivo da regueifa” e a vontade de medrar do proxecto, que este ano conta con dous concellos máis, A Baña e Narón, entre os seus impulsores. E que seguirá a medrar, nas palabras de Beatriz Martínez, “espallando o amor pola lingua, a poesía, a oralidade e o enxeño”.
A concelleira de Mocidade e Educación de Ames, Beatriz Martínez, tamén destacou que esta semana hai dúas actividades programadas polo departamento de Cultura relacionadas coa regueifa. O xoves, 19 de novembro, ás 20.30 horas, chega Territorio Regueifa á Casa da Cultura de Bertamiráns, e o venres, 20 de novembro, remata a programación do Cine de outono, coa proxección do documental Ao son da nova regueifa, unha viaxe pola tradición oral, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas.
O programa de actividades arrincou o pasado 23 de outubro cun obradoiro de formación para o profesorado no Pazo da Cultura de Pontevedra. A actividade, á que acudiron docentes de toda Galicia para recibir formación da man de Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, ofreceu ao profesorado asistente a oportunidade de coñecer ou afondar no valor da regueifa como ferramenta didáctica: explorar estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas e trasladar ao estudantado valores como a diversidade, a cooperación, a integración e o feminismo. Como apuntou Daniel Moscoso, concelleiro de Infancia e Xuventude de Arzúa, “a implicación da comunidade educativa e, en especial, do profesorado, fai do Enreguéifate un impulso transformador dentro e fóra das aulas, un proxecto educativo sólido que deixa unha pegada real, tanxible e duradeira no estudantado, como o demostra a participación continuada de centros escolares no Enreguéifate, a crecente participación do alumnado no certame e a proliferación de clubs de regueifa estudantís por todo o noso territorio”.
Obradoiros para alumnado de oito concellos galegos
Desde finais deste mes de novembro e ata marzo de 2027, realizaranse máis de 80 obradoiros de improvisación oral destinados a escolares de 5º e 6º de primaria e da ESO dos oito concellos impulsores do Enreguéifate. Estes obradoiros serán conducidos por profesionais da regueifa que transmitirán o testemuño deste patrimonio vivo ás crianzas e á mocidade. Esta edición contará coa sabedoría e a arte de ata unha decena de persoas formadoras, entre as que se atopan Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Manuele Pardo, O Rabelo, Icía Díaz, Hadrián García, Tiziana Martínez, Cristian de Burela e Sergio Alonso. Un cadro que amosa “a diversidade de xénero e idade entre as persoas encargadas de espertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego”, como sinalou a concelleira de Acción social, Cultural e Servizos á Cidadanía da Baña, Mónica González.
Un certame aberto a toda a cidadanía
Como non podía ser doutra maneira, a programación inclúe o agardado certame de regueifas en vídeo. Deste xeito, convídase ao alumnado dos centros escolares e á cidadanía en xeral a xogar, expresarse e crear a través da regueifa, participando no certame.
As persoas que queiran inscribirse poderán facelo do 1 de marzo ao 6 de abril de 2026, enviando un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cun máximo de tres minutos de duración. A inscrición poderá realizarse a través da páxina web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame.
O certame volverá premiar os mellores vídeos nas modalidades de regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. Oito premios por cada categoría –escolar e xeral– que teñen como obxectivo recoñecer a calidade e o enxeño creativo das regueifeiras e dos regueifeiros do país, mais tamén “a aquelas persoas que fomenten a regueifa como vangarda e impulso creativo, como ferramenta de inclusión e visibilización da nosa diversidade, como forma de expresión do pobo á hora de reclamar ou denunciar inxustizas e como fiestra a través da cal amosar a nosa cultura e tradición”, como sinalou a concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas e Rural de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro
O Pazo da Cultura de Carballo será o escenario da entrega destes galardóns, nunha gala que terá lugar o martes, 27 de abril de 2027, ás 11:30h da mañá, nunha xornada que se converterá, segundo sinalou a concelleira de Santiago de Compostela “nun espazo de encontro para a palabra, a música, o humor e a creatividade” para “celebrar a tradición da man de aquelas persoas e colectivos que constrúen, comparten e impulsan a nosa cultura, en comunidade”.
Neste curso 2026-2027, o Enreguéifate porá o acento na regueifa “como unha das manifestacións máis valiosas do patrimonio cultural inmaterial do país”, como sinalou Manolo Maseda, “na que florecen a lingua, a música, a identidade e cultura, fornecendo ás máis novas e máis novos de motivos polos que estarmos orgullosos e orgullosas do noso”. Así, na súa décima edición, o Enreguéifate celebrará a improvisación “como patrimonio do noso pobo, como creación colectiva, desde Galicia para o mundo”.



