O Eixo Atlántico vén de presentar en Ourense o primeiro Mapa de Cohesión Social dun sistema urbano transfronteirizo que suporá unha folla de ruta para o desenvolvemento de políticas públicas nas cidades galegas e do norte de Portugal. Neste sentido, estuda as desigualdades existentes e os xeitos de mellorar a través das políticas, coincidindo cos retos globais no ámbito local que fixan desde a Axenda Urbana, a complexidade social, a igualdade de oportunidades e as fendas da vulnerabilidade, a dixitalización e a fenda dixital, a competitividade económica, o emprego digno e a fenda xeracional.
Na presentación participou a presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez; o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e o director do informe, Roberto San Salvador, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
Este informe representa unha radiografía da cohesión social nos municipios do Eixo Atlántico ao mesmo tempo que xera un sistema de información compartida entre eles que permite corrixir as desigualdades, previr as patoloxías sociais e mellorar as políticas de cohesión de forma coordinada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas, cuxa aplicación está definida na Axenda Urbana do Eixo Atlántico.
O informe foi elaborado polo equipo de Investigación da Universidade de Deusto Cities Lab Katedra, dirixido por Roberto San Salvador, Catedrático da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas na Universidade de Deusto.