PuntoGal e a Mesa pola Normalización Lingüística acordaron unha promoción de dominios mediante a cal os establecementos adheridos ao proxecto Abertos ao Galego que aínda non teñan dominio .gal poderán facer o cambio de xeito gratuíto para eles. A entidade de defensa da lingua porase en contacto con elas en próximas datas para facerlles o ofrecemento e convida a aquelas que teñan maior interese a contactar directamente a través do correo-e abertosaogalego@amesa.gal.
Abertos ao Galego e PuntoGal
Abertos ao Galego é un proxecto que a Mesa pola Normalización Lingüística puxo en andamento en 2008 para promover o uso do galego e darle visibilidade ás empresas que traballan en galego no seu día a día. Conta cunha aplicación para terminais Android e Apple onde están sinalados os establecementos que contan co certificado Abertos ao galego xunto a aqueles dos que temos constancia do uso do galego. PuntoGal forma parte de Abertos ao Galego e as dúas entidades colaboran noutros campos.
PuntoGal xestiona os dominios .gal. É unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 6300 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.