O documentario sobre os 175 anos do Circo de Artesáns poderá verse este venres en Oleiros

Este venres, 25 de novembro, terá lugar en Oleiros a que será a última proxección deste ano en acto público do documentario “Circo de Artesáns: O Ateneo de Galicia”. A cita, organizada polo propio Circo de Artesáns e con entrada gratuíta, será ás 20:30 horas, no Centro Cultural A Fábrica (Rúa do Inglés, 13 – Perillo-Oleiros). No evento participarán Manuel Miragaia, escritor e responsábel de Cultura do Circo de Artesáns; Roberto Parga, presidente do Circo de Artesáns; e Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros.

O documentario, que foi realizado por Nós Televisión, baixo o encargo do Circo de Artesáns para conmemorar os seus 175 anos de vida, dá a coñecer a historia desta entidade social e cultural tan importante non só na cidade herculina senón en toda Galicia.

No coloquio aberto, que terá lugar tras a proxección, falarase das relacións culturais e sociais históricas entre Oleiros e A Coruña por medio dos feitos concretos protagonizados polo Circo de Artesáns.

Nós Televisión estreará na canle 119 de R o documentario en decembro para facelo accesible a toda Galicia a través da televisón. Ademais, tamén estará dispoñible nas próximas semanas na canle de youtube.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego