O documentario ‘Circo de artesáns, o ateneo de Galicia’ chega este xoves a Compostela

‘Circo de artesáns, o ateneo de Galicia’, o documentario realizado por Nós Televisión para o Circo de artesáns, ofrece unha visión de capítulos esenciais e descoñecidos da historia da cidade da Coruña e de Galicia. A peza audiovisual será proxectada este xoves no Centro Internacional de Prensa de Galicia grazas á coordinación do Ateneo de Santiago e a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela.

Tras a proxección haberá un coloquio que contará coa participación de Francisco Candela (Vicepresidente do Ateneo de Santiago), Manuel Miragaia (escritor e responsábel de Cultura do Circo de Artesáns da Coruña), Roberto Parga (Presidente do Circo de Artesáns da Coruña) e Luis Menéndez (Presidente da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela).

A través da proxección do documentario en Compostela quésese, non só comezar a dar a coñecer a historia do Circo de Artesáns, senón tamén a da propia cidade da Coruña. Ambas as dúas estiveron estreitamente unidas ao longo dos tres últimos séculos.

A perspectiva que mantivo o Circo de Artesáns ao longo da súa historia sempre estivo alonxada de calquera atisbo de localismo, porque aínda que radicada nunha cidade concreta mantivo unha visión aberta ao País Galego no conxunto das súas actuacións. No coloquio aberto falarase das relacións culturais e sociais entre as nosas dúas cidades por medio dos feitos concretos protagonizados polo Circo de Artesáns e se responderán as preguntas e comentarios do público.

‘O Circo de Artesáns, o ateneo de Galicia’

Milleiros de coruñeses e coruñesas foron socios desta Sociedade conservándoa con orgullo e coidado até os nosos días e converténdoa na entidade deste tipo máis antiga de Galiza. Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Castelao, Vicente Risco ou Sofía Casanova foron só algunhas das persoas que atravesaron as portas. No seu interior, relevantes conferencias, célebres concertos e importantes reunións enriqueceron o xa de por si vibrante ambiente intelectual coruñés. A través do documental ‘O Circo de artesáns, o ateneo de Galicia‘, volvemos a percorrer os seus corredores para palpar os case dous séculos de historia e un legado que esplandece con luz propia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego