O documental ‘Xove, Democracia Nuclear’ proxectarase en doce localidades da provincia de Lugo

A mobilización social contra a construción dunha central nuclear en Xove chega a unha ducia de localidades da provincia grazas ao documental ‘Xove, Democracia Nuclear‘ elaborado pola produtora ‘Como unha brizna’ co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O documental, drixido polo xornalista leonés Pedro Lechuga, conta coa colaboración da Asociación de Prensa de Lugo que recupera as historias vividas na Mariña cando en novembro de 1973 se fixo público o proxecto a través dos medios de comunicación, recollendo quince testemuños de veciñanza, persoas vinculadas ao nacionalismo, ao Sindicato Labrego Galego, xornalistas e catedráticos, ademais do alcalde de Xove na época, Jesús López González.

Proxeccións

O documental proxectarase en Xove, Barreiros, Lugo, Vilalba e Sarria, seguido dunha mesa redonda na que o director de ‘Xove, Democracia Nuclear’, xunto a algúns dos protagonistas compartirán co público as súas reflexións sobre ese acontecemento histórico. Tamén se programarán proxeccións no Vicedo, Viveiro, Cervo, Burela, Foz, Ribadeo e O Valadouro.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “a Vicepresidencia da Deputación comprometeu o apoio ao documental desde que o seu director e a Asociación de Prensa de Lugo nos presentaron o proxecto, a través da colaboración con este ciclo de proxeccións que contribuirán a difusión dun momento histórico na loita popular e ecoloxista en Galiza”.

Pedro Lechuga destaca a súa satisfacción polo resultado final deste traballo de investigación “xa que conseguimos contar coa participación dun gran número de protagonistas, o que achega ao espectador unha visión global do que se viviu na Mariña nas décadas setenta e oitenta e que é importante que non caia no esquecemento, motivo polo cal estamos moi agradecidos á vicepresidencia da Deputación de Lugo, xa que grazas á súa colaboración poderemos proxectar ‘Xove, Democracia Nuclear’ neses municipios lucenses”.

‘Xove, Democracia Nuclear’ forma parte do proxecto a nivel nacional ‘Democracia Nuclear’, que ten como obxectivo recuperar as historias das diferentes mobilizacións antinucleares xurdidas en España nos anos setenta.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego