O documental ‘Saber Galiza’ chega este xoves ao concello de Arteixo

O filme documental ‘Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos’ dirixido por Cristina de la Torre e producido por Nós Televisión chega este xoves a Arteixo grazas ao ciclo ‘Outono das Artes‘ da Deputación da Coruña. A proxección será ás oito da noite na Capela do Balneario.

A proxección, que é de balde e aberta ao público, contará coa presentación e coloquio coa directora do filme.

Xira do filme dentro do Outono das Artes

A xira xa arrancou o 27 de setembro en Melide e, ademais de hoxe en Arteixo, o filme estará ao longo do trimeste nos concellos de Val do Dubra, Pontedeume, Betanzos, Frades, Corcubión, Brión, Mazaricos e Rianxo.

A revolución da cultura e ciencia galegas

‘Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos‘ é un documental que recupera a historia e o legado dunha das institucións fundamentais da cultura galega do século XX. A través de testemuños de especialistas, documentación histórica e a participación de estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, o filme percorre a traxectoria do Seminario de Estudos Galegos, pioneiro na investigación científica e humanística sobre Galicia. Unha proposta divulgativa que invita a redescubrir unha experiencia colectiva decisiva para comprender a historia, a lingua e a identidade do país.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego