O Circo de Artesáns é un tesouro de 175 anos de vida e conta xa cun documentario que recolle a súa historia. ‘O Circo de Artesáns, o ateneo de Galiza‘, realizado por Nós Televisión para esta entidade, será proxectado o martes 5 de xullo, no Teatro Colón da Coruña ás 20 horas. Para asistir ao evento, podes recoller a túa entrada de balde na sede do Circo de Artesáns, na rúa San Andrés, número 36, ou no mesmo día -a partir das 19 horas- no propio Teatro Colón. Nesta mesma xornada actuará Cantigas da Terra.
‘O Circo de Artesáns, o ateneo de Galiza’
Milleiros de coruñeses e coruñesas foron socios desta Sociedade conservándoa con orgullo e coidado até os nosos días e converténdoa na entidade deste tipo máis antiga de Galiza. Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Castelao, Vicente Risco ou Sofía Casanova foron só algunhas das persoas que atravesaron as portas. No seu interior, relevantes conferencias, célebres concertos e importantes reunións enriqueceron o xa de por si vibrante ambiente intelectual coruñés. A través do documental ‘O Circo de Artesáns, o ateneo de Galiza‘, volvemos a percorrer os seus corredores para palpar os case dous séculos de historia e un legado que esplandece con luz propia.