O documental ‘Ao son da nova regueifa’ preséntase en Santiago este sábado

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle este sábado, 21 de febreiro, ás 12:00 horas, a presentación con proxección do documental ‘Ao son da nova regueifa’. O audiovisual, producido por Undodez, está dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, e afonda na recupación, tranformación e transmisión da regueifa na Galicia contemporánea.

A peza constrúese a través das historias das regueifeiras e regueifeiros que mantiveron viva a arte da improvisación oral e que, ademais, loitaron por transmitila ás novas xeracións, asegurando o seu relevo e continuidade. O documental propón un relato coral no que conviven voces de distintas idades, territorios e traxectorias, debuxando unha regueifa diversa, plural e profundamente enraizada na comunidade.

Ao longo dun percorrido que vai de Bergantiños a Vigo, Ao son da nova regueifa achega as testemuñas de figuras fundamentais da tradición oral como Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Pinto d’Herbón, Antonio e Suso de Xornes, O Caruncho, Carlos Alonso ou Domingo Blanco, xunto a voces imprescindibles do ámbito cultural e social como Sofía Tarela, María Xosé Silvar (Sés), Xurxo Souto, Séchu Sende ou o propio Manolo Maseda. Xunto a elas, o documental incorpora tamén novas xeracións de creadoras e creadores como a rapazada do Regueifa-Tour, Alba María ou Sara Marchena, que amosan como a improvisación oral segue a atopar novos camiños de expresión.

Un dos eixos centrais do filme é o traballo pedagóxico e educativo arredor da regueifa. A peza afonda nas iniciativas levadas a cabo en centros educativos, onde a regueifa se integra como ferramenta creativa e de empoderamento da xuventude. Neste contexto, aparecen experiencias de intercambio cultural con outros territorios, como o País Vasco, posibles grazas á inserción da improvisación oral galega en programas educativos que favorecen o diálogo entre linguas e culturas desde o activismo.

Entre versos, encontros e reflexións compartidas, o documental deixa entrever un desexo que atravesa toda a peza: que a regueifa siga a ter futuro, que as mil primaveras da nosa lingua sexan tamén as mil primaveras da nosa regueifa.

Lonxe dunha visión nostálxica, Ao son da nova regueifa presenta a improvisación oral como unha práctica cooperativa e viva, en constante transformación, presente en obradoiros, festivais, escolas e encontros comunitarios. A palabra improvisada aparece así como ferramenta creativa, social e identitaria, capaz de conectar xeracións e de seguir abrindo camiños cara ao futuro da cultura galega.

A peza audiovisual tamén viaxa polos camiños da música cunha banda sonora baseadas en vellas melodías da regueifa coñecidas como “torgho vello”, recreadas por artistas como Antía Ameixeiras, Richi Casás, Manu Paino, Olaia Liñares e Manolo Maseda.

Proxeccións

Tras a súa estrea no Culturgal o pasado mes de novembro, Ao son da nova regueifa inicia agora unha nova fase centrada na exhibición pública. O filme foi seleccionado como finalista a mellor documental pola Academia Galega do Audiovisual nos Premios Mestre Mateo.

O documental poderá verse o 18 de febreiro en Lugo (Códex Cinema ás 19:00h), o 21 de febreiro en Santiago de Compostela (Auditorio de Galicia – Sala Mozart ás 12:00h) e o 22 de febreiro en Valadares (Auditorio Veciñal e Cultural de Valadares ás 18:30h) e continuando así o seu percorrido por distintos espazos co obxectivo de seguir difundindo e poñendo en valor a regueifa como unha das expresións máis singulares do patrimonio oral galego.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego