O distintivo Gal Ego recoñecerá as escolas e facultades da UVigo que fomenten o uso da lingua galega

A Universidade de Vigo busca “levar os equipos directivos á reflexión sobre a importancia do uso do galego, especialmente, pero non só, na nosa institución” segundo explica a vicerreita de Extensión Universitaria, Susana Reboreda. Por iso, de igual modo que fixera hai dous anos co Distintivo de Igualdade, a Universidade de Vigo pon en marcha de cara o vindeiro curso un novo recoñecemento, desta volta, para incentivar o emprego da lingua galega nas facultades e nas escolas da Universidade de Vigo en todas as súas actividades: o distintivo de galeguización Gal Ego.

Como se obtén o distintivo?

O distintivo de galeguización outorgaráselle anualmente á facultade ou á escola que máis puntuación obteña na convocatoria. Terá unha vixencia de catro anos, período tras o cal o centro deberá presentarse de novo para a renovación. As escolas e facultades seleccionadas cada ano lucirán unha insignia que se exporá publicamente no centro e recibirán tamén unha contía económica de 3000 euros destinada a desenvolver actividades ou iniciativas que empreguen o galego.

A comisión avaliadora analizará todas as propostas atendendo a unha serie de criterios, como o número de materias impartidas en lingua galega, que valerá o 20 % da puntuación; o número de PDI e de PAS con cursos de galego homologados, que sumará ata o 5 %: a existencia dunha persoa de enlace de lingua galega, ata outro 5 %; a realización de actividades e accións en lingua galega, cun peso de ata o 15 %; o feito de contar coa páxina web en lingua galega, ata outro 20 %; a comunicación interna e externa en lingua galega, tamén ata o 20 % e, finalmente, a celebración dos actos institucionais en lingua galega, que se valorará ata o 15 %. Esta comisión estará formada pola propia Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria; Alfonso Caride, técnico superior de actividades culturais e Eva María Castro e María Cristina Rodríguez, técnicas da Área de Normalización Lingüística, será a encargada de valorar os méritos de cada candidatura. O prazo de presentación das solicitudes xa está aberto e rematará o 30 de setembro.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego