O 20 de novembro de 1923, Manuel Lugrís Freire ingresaba no Seminario de Estudos Galegos. O escritor e xornalista, que chegaría a ser na década seguinte presidente da Real Academia Galega (1934-1935), pronunciou aquel día un afervoado discurso dedicado ao tamén académico fundador Eduardo Pondal, “o bardo grorioso”. Cadrando co centenario do SEG e da incorporación ás súas filas do autor das Mariñas, o arquivo da RAG ofrece en copia dixital o manuscrito daquela alocución, dispoñible para descarga en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia.
Lugrís Freire emigrara con vinte anos a Cuba, onde medrou o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas e fundou a primeira publicación periódica en galego editada en América, A gaita gallega. De regreso en Galicia no ano 1896, instalouse na cidade da Coruña e entrou en contacto coa Cova Céltica, o faladoiro de intelectuais galeguistas que se desenvolvía na traseira da libraría que rexentaba Eugenio Carré na rúa Real. Neste espazo coñecería por fin o seu admirado Pondal, de quen ofreceu un detallado retrato, físico e emocional, no discurso co que se converteu en membro do SEG. A alocución foi incluída na edición que a RAG publicou en 1935 de Queixumes dos pinos e poesías inéditas do escritor de Ponteceso co gallo do centenario do seu nacemento, dispoñible en copia dixital na sección de publicacións de academia.gal.