O cooperativismo cultural reivindica en Galicia a cultura como dereito

As xornadas SOMOS CULTURA, SOMOS COOP reivindicaron na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, o papel das cooperativas na defensa da cultura como dereito. A presidenta de Espazocoop, Ana Olveira, destaca deste encontro  “a oportunidade histórica de situar a Galicia como referencia no cooperativismo cultural a nivel estatal” e pola súa banda, Amaya Delgado, directora de Coceta, sinalou que “o cooperativismo cultural está a vivir un momento de consolidación e recoñecemento, e este encontro permite conectar experiencias diversas para avanzar nun modelo máis sostible, participativo e transformador”.

A primeira xornada reuniu a cooperativas culturais galegas e doutras comunidades autónomas —Valencia, Andalucía, Cataluña e Madrid— nunha sesión con relatorios, mesas de debate e exposición de boas prácticas. A sesión da mañá das xornadas SOMOS CULTURA, SOMOS COOP desenvolveu unha completa análise sobre o papel do cooperativismo no sector cultural, as políticas públicas que o sustentan e as oportunidades de dinamización das industrias culturais e creativas desde a Economía Social. As participantes realizaron amais unha visita á cooperativa Creativas Galegas e foron recibidas no Concello de Santiago, fortalecendo a conexión co ecosistema cultural da cidade.

As xornadas SOMOS CULTURA, SOMOS COOP están organizadas por EspazoCoop, en colaboración con Coceta, e insírense no marco do Ano Internacional das Cooperativas 2025. O encontro ten como obxectivo impulsar a intercooperación, reforzar a colaboración público-privada e visibilizar o crecemento do cooperativismo no ámbito das industrias culturais e creativas, un sector en expansión que combina impacto social, creación contemporánea, innovación e novas formas de participación cidadá.

O programa, que se estendeu por tres cidades galegas, incluíu espazos de traballo, visitas profesionais, actividades colaborativas e encontros con institucións culturais. Este venres 28 de novembro na última xornada, o cooperativismo cultural visitará a Feira das Industrias Culturais, Culturgal, participando da inauguraicón oficial do evento e participando do stand de Economía Social Galega.

Espazocoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxetivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego