Arranca a conta atrás para a celebración do “Regnum totius Gallaeciae. O Reino
medieval de Galicia”, o primeiro congreso sobre esta temática. O simposio organizado pola Deputación da Coruña celebrarase do 19 ao 22 de setembro en diferentes espazos de Santiago de Compostela. Os relatorios serán no Museo do Pobo Galego e o programa musical na contigua Igrexa de San Domigos de Bonaval.
Este Congreso Internacional, que conta con 18 relatoras e relatores, será retransmitido ao
vivo na súa web e permitirá o debate telemático. Deste xeito, a retransmisión telemática amplía as posibilidades de asistencia, dado o interese que suscitou o evento, que esgotou todas as prazas en cada unha das sesións.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto lembra que “o congreso nace como unha iniciativa absolutamente necesaria de cara a normalizar o dereito a coñecer a nosa propia historia”.
Retransmisión ao vivo
A retransmisión ao vivo será feita desde a páxina www.reinomedievaldegalicia.gal, que nos días do Congreso centrará nunha pantalla única as diferentes relatorías, as proxeccións e a interpretación para as persoas xordas. Ademais, tamén se poderá participar de forma activa nos debates programados ao fin de cada sesión, achegando á sala compostelá
calquera comentario ou dúbida sobre as palestras que estean a decorrer.