O concerto dos Premios Martín Códax da Música Galega no Culturgal será o comezo dunha xira das bandas por Galicia

O concerto dos Premios Martín Códax da Música Galega no Culturgal será o primeiro dunha xira que levará ás bandas participantes por toda Galicia. O concerto, organizado polo Culturgal e Músicas ao Vivo, será o sábado 28 de novembro ás 21:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra (entradas a 13 euros en Ataquilla.com).

Respaldado pola Xunta de Galicia, as catro deputacións galegas e o Concello de Pontevedra, contará con catro grupos dos premiados este ano: Allo Negro, Michu da Rocha, Lidia India e Abril. O mestre de cerimonias será o actor e músico Serxio Zearreta (Lamatumbá).

Na presentación do concerto no CIC Maruxa Mallo de Pontevedra participaron integrantes das catro bandas; Camilo Franco, director de Culturgal; Jacobo Agadic, director de Agadic; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura de Pontevedra; Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; e Manuel Alonso, xerente de Músicas ao Vivo.

“A vontade é que este concerto sexa unha data fixa no calendario musical para darlle máis visibilidade cada ano aos grupos gañadores dos Martín Códax”, explicou Camilo Franco, mentres que Manuel Alonso convidou “á xente de toda Galicia a vir a Pontevedra o sábado 28, unha oportunidade excepcional de ver o que se está facendo en Galicia en diferentes estilos musicais”.

Jorge Cubela manifestou o seu desexo de “afondar nesta colaboración entre institucións que se fai cada ano no Culturgal, unha referencia para a cultura galega”, un aspecto no que incidiu Demetrio Gómez: “Pontevedra será a capital cultural de Galicia a próxima semana co Culturgal e con iniciativas como este concerto, cun cartel espectacular”.

Jacobo Sutil, director do Agadic, puxo en valor “o simbolismo desta actividade, na que unen esforzos Culturgal e Músicas ao vivo, iniciando un camiño moi necesario para darlle visibilidade ás bandas gañadoras dos Premios Martín Códax da Música Galega”.

Por parte dos premiados, Lidia India agradeceu “a oportunidade que supón este concerto para que a xente disfrute da diversidade da música galega, no meu caso desde o folk e a raíz galega, mesturadas con outras músicas do mundo”, e Marina Carpente, de Abril, falou “do luxo de tocar preto da nosa casa, aquí en Pontevedra”.

Michu da Rocha engadiu que é “un privilexio este concerto en Pontevedra e será moi divertido”, mentres que Ernesto de Gregorio, de Allo Negro, prometeu “un cañonazo de blues e soul en galego no concerto do sábado 28”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego