O concerto de Capercaillie Symphonic & Real Filharmonía de Galicia abre hoxe a edición 2022 do festival Maré, Músicas e Artes atlánticas

A estrea da coprodución da Capercaillie Symphonic & Real Filharmonía de Galicia abre este mércores ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia a edición 2022 do festival Maré, Músicas e Artes atlánticas.

Donald Shaw e Karen Matheson, membros fundadores de Capercaillie, este martes en Santiago tralos ensaios coa Real Filharmonía de Galicia.

A mítica banda escocesa Capercaillie ten inspirado innumerables sucesores, e o seu enfoque innovador e aberto aos arranxos e á instrumentación segue a manter unha grande influencia no actual renacemento popular escocés. Da súa importancia dá conta a recente actuación de Karen Matheson cantando en gaélico diante do féretro nas exequias da Raíña Isabel II en Edimburgo.

Marcando outra primicia na súa ilustre carreira, a formación integrada por Karen Matheson, Donald Shaw, Charlie McKerron, Michael McGoldrick, Ewen Vernal, Manus Lunny e David Robertson únese a James Mackintosh na batería e Sorren MacLean na guitarra para tomar o escenario do Auditorio de Galicia franqueado por todo o esplendor da Real Filharmonía de Galicia.

Con novas orquestracións de Greg Lawson e baixo a dirección de Paul Daniel, a lista de temas que sonarán en Maré 22 abarcará todo o catálogo de Capercaillie, desde o seu álbum debut Cascade, lanzado no 1984, ata o último At the Heart of It All do 2013.

Un espectáculo único, a non perder, que tamén contará coa colaboración especial de Xabier Díaz sobre o escenario acompañando esta singular coprodución coa que o festival Maré abre por todo o alto a súa edición 2022.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego