O Concello da Coruña dedicará a homenaxe municipal de Todos os Santos a María Barbeito Cerviño, Federico Fernández Amor-Calvet e Manuel Curros Enríquez. O acto realizarase o próximo 1 de novembro, ás 12.00 horas, no cemiterio municipal de Santo Amaro, e contará coa participación da Coral Follas Novas.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a elección permite recoñecer tres dimensións fundamentais da historia coruñesa: “A aposta pola educación e a igualdade, o compromiso co galeguismo e o sentimento de pertenza que compartimos a través do Deportivo”. A celebración deste ano coincide en diversas efemérides: o 120 aniversario da fundación do Real Club Deportivo da Coruña e da Real Academia Galega, co 175 aniversario do nacemento de Curros Enríquez e co 90 aniversario do golpe de Estado, que marcou tamén o inicio da depuración de María Barbeito como mestra.
O percorrido comezará na Cruz dos Esquecidos e incluirá as ofrendas florais ás tres personalidades homenaxeadas. O peche terá lugar no Monumento aos Mortos pola Liberdade, no cemiterio civil, cunha lembranza ás vítimas da represión no 90 aniversario do golpe de Estado de 1936: “Santo Amaro conserva unha parte fundamental da nosa historia.
Esta homenaxe é tamén un compromiso coa memoria das persoas que construíron A Coruña e coa dignidade de quen sufriu a represión por defender a liberdade”, afirmou a alcaldesa.
Educación, galeguismo e deportivismo na historia da Coruña
A homenaxe a María Barbeito Cerviño (1880–1970) reivindicará unha muller referente da renovación pedagóxica, que impulsou desde as Escolas da Guarda un modelo educativo baseado na innovación, na igualdade de oportunidades e na atención á infancia máis vulnerable. Académica da Real Academia Galega desde 1912, a súa figura conecta tamén co 120 aniversario da institución. A súa lembranza permitirá tamén recoñecer o papel das mulleres na modernización do ensino e recordar a persecución que sufriu tras o golpe de Estado de 1936: “María Barbeito defendeu unha escola capaz de lles ofrecer oportunidades a todos os nenos e nenas. Noventa anos despois do inicio da súa depuración, reivindicamos o seu exemplo e un legado educativo que a ditadura quixo silenciar”, sinalou Rey.
O recoñecemento a Federico Fernández Amor-Calvet (1871–1933) conectará a homenaxe cos 120 anos do Deportivo. Fundador da Sala Calvet, na rúa Galera, promoveu o espazo do que xurdiu o club en 1906 e contribuíu ao desenvolvemento da práctica deportiva na cidade.
A súa figura permitirá lembrar as persoas que fixeron posible o nacemento dunha institución estreitamente ligada á identidade coruñesa. A súa memoria está tamén vinculada á Real Academia Galega, que conserva e dixitalizou o fondo da familia Calvet, integrado por preto de 700 documentos que permiten coñecer a súa traxectoria e unha parte da historia social e deportiva coruñesa. “Lembrar a Federico Calvet é volver ás orixes do Deportivo e recoñecer a quen abriu novos camiños para o deporte na Coruña. Cento vinte anos despois, aquel impulso forma parte dun sentimento compartido que une xeracións de coruñeses e coruñesas”, destacou Rey.
Pola súa banda, Manuel Curros Enríquez (1851–1908) será lembrado nos 175 anos do seu nacemento e no 120 aniversario da Real Academia Galega, da que foi un dos principais impulsores desde A Habana. Poeta e defensor da lingua galega, mantivo unha estreita relación coa Coruña, onde foi coroado como poeta en 1904 e onde recibiron sepultura os seus restos en 1908, acompañados por unha multitudinaria despedida popular. “Curros representa unha cultura galega comprometida coa súa lingua, coa liberdade e coa denuncia das inxustizas. A Coruña soubo recoñecer ese compromiso en vida e acolleu despois a súa memoria como parte da propia historia da cidade”, afirmou a alcaldesa.



