Aproxímanse as Festas de Nadal e, con elas, o aumento de visitantes á cidade de Compostela. Un momento ao que se anticipan o sector da hostelaría, as demandas veciñais e o Concello de Compostela coa campaña ‘Fala Baixiño’, que busca mitigar os ruídos que se producen na rúa para favorecer o descanso da veciñanza. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada por Serxio Fernández, de Hostalaria.Gal; por Jesús Peón, da Asociación Hostelería Compostela; e por Lucía Vázquez, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, presentou hoxe a iniciativa, que leva por lema “Fala baixiño”, e que volve coincidindo coas festas do Nadal.
Presentación da campaña
O lanzamento desta campaña, cunha imaxe renovada, “responde a unha das demandas que as asociacións de hostalaría nos trasladaran, e doutra, á necesidade de seguir concienciando sobre o dereito ao descanso da veciñanza aproveitando a proximidade dunhas datas festivas por excelencia en que todas e todos participamos activamente: o período pre-nadal, con todas as ceas de empresa e xuntanzas de celebración comunitaria diversas, así como todas as celebracións relacionadas co Nadal propiamente dito que virán despois”, lembrou a alcaldesa.
Dende as asociacións de hostalería sinalaron a importancia desta campaña, que sempre “foi moi ben acollida”, como sinalou Serxio Fernández. Tanto el como Lucía Vázquez e Jesús Peón fixeron fincapé en que moitas veces a xente “non é consciente de que está a facer ruído á saída dun local” polo “sempre están ben estas campañas” que buscan concienciar e apelar á responsabilidade individual.
Nova imaxe
A campaña ‘Fala Baixiño’ reformula a súa imaxe botando man dunha icona representativa de Compostela, Maruxa, unha das dúas Marías, cuxa mítica estatua está presente no espazo público, sempre en silencio e sen intervir no descanso da veciñanza. Coralia e Maruxa foron representadas nunha escultura de César Lombera Moret, obra que desde 1994 convive coa cidadanía compostelá e cos milleiros de persoas que pasan pola cidade, ocupando un espazo público na Alameda e que a día de hoxe é un símbolo da cidade. Tamén se reformulou a gama de cores introducindo o uso da cor amarela que se asocia cunha chamada de atención por risco ou precaución, isto é, unha advertencia.
Esta campaña poderá verse nas rúas de Compostela porque é no espazo público onde debemos coidar o noso comportamento e o espazo de socialización onde corremos o risco de causar molestias cando nos xuntamos en grupo en momentos de lecer e diversión. Tamén se distribuirán folletos de man e cartaces e instalaranse placas nos establecementos de ocio.