O Concello de Carballo estreará este venres o documental sobre Xesús San Luís Romero, o zapateiro poeta

O documental publicarase este sábado no canal de Youtube de Nós Televisión

Xesús San Luís, o zapateiro poeta‘ é o título da reportaxe documental realizada por Nós Televisión para o Concello de Carballo que, este venres, estreará no CEIP Xesús San Luís. Precisamente esta escola colaborou na realización da peza audiovisual coa actuación de varias persoas do seu alumnado e a aparición da súa directora, María Luisa López Losada.

O alcalde, Evencio Ferrero; o historiador e cronista de Carballo, Xan Fraga; a poeta e integrante de A.C.Lumieira, Rosalía Fernández Rial, o actor amateur Antonio Rodeiro, do Grupo Teatro da Maía, ou o sobriño neto do propio Xesús San Luís, José Ramón San Luis Díaz, son algunhas das persoas que achegan a súa voz a este documental.

Aínda que invisibilizado nas páxinas da historia, Xesús San Luís Romero foi unha figura de alta importancia para a nosa cultura e o devir democrático da sociedade galega. Naceu o 9 de setembro de 1872 e a súa historia é a dun obreiro, a dun político, a dun poeta e dramaturgo, a de quen sufriu o cárcere polas súas ideas. A historia dun home republicano, galeguista e progresista que non quedou nin quieto nin calado. O documental, que será presentado no seu Concello natal na escola que leva con orgullo o seu nome, tamén será publicado este sábado ás 12 horas no canal de youtube de Nós Televisión. A memoria de Xesús San Luís agroma xa en todo país.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego