O Concello de Ames pon en marcha por sétimo ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas con sede social ou centro de actividade no concello de Ames que sexan propostas ata o 21 de novembro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar. A dotación económica do premio é de 3.000 euros, que serán repartidos entre dúas categorías.
Este ano, como novidade, a concellería de Promoción Económica volve unirse ao Servizo de Normalización Lingüística na organización destes premios.
Presentación dos Premios
O salón de Plenos, na Casa do Concello, acolleu a presentación da sétima edición dos Premios Lingua e Empresa, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López; a xerente da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, Salomé Blanco, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e o técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago.
A presentación comezou cun vídeo de Nós Televisión, que foi unha das empresas gañadoras da sexta edición dos Premios Lingua e Empresa, xunto co local de hostalería O Transistor. Ana Viqueira, responsable de contidos de Nós Televisión, anima ao tecido empresarial do concello de Ames “a apostar polo noso idioma. En galego está demostrado que se pode facer todo”.
O alcalde de Ames, Blas García, dixo que “no Concello de Ames facemos moitas actividades para promocionar e difundir o uso do galego, pero temos que seguir incidindo nesta liña porque os estudos do uso do galego no noso país non son positivos. É triste ver como cada vez as novas xeracións falan menos galego. Creo que estamos nunha situación de emerxencia lingüística en Galicia, por iso temos que seguir incidindo na defensa da nosa lingua porque é algo que nos diferencia dos demais”.
Blas García, engadiu “seguimos apoiando ao sector comercial de Ames e temos que facerlles ver que falar e usar o galego non resta senón que suma. Hai empresas de referencia no noso pais e no noso concello que usan o galego e non por iso deixar de ser empresas punteiras, por iso queremos que cada vez se sumen máis empresas e comercios a algo ao que lle temos que dar normalidade como é falar en galego en Galicia. As empresas teñen que ser un potente aliado do galego e por conseguinte acabarán sendo un potente aliado da nosa cultura, das nosas tradicións e do noso pais”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou “sabemos que moitos establecementos comerciais xa fan uso da lingua galega na actividade diaria e nas súas actividades. Creo que é un certame moi importante porque se dirixe tanto a empresas que teñen un uso consolidado do uso do galego, coma aquelas que son de nova creación para que aposten polo uso do noso idioma. Agardo que se inscriban moitos comercios e empresas”.
A técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, dixo que “o galego é un potente aliado das empresas, que pode formar parte das súas estratexias de comunicación e marketing e dar moi bos resultados. Para facilitar as cousas, como xa temos datos de moitas empresas que participaron en edicións anteriores, para participar só será preciso cubrir a ficha de inscrición”.
O técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago, explicou “estes premios buscan destacar que o uso do galego por parte das empresas fainas únicas no seu territorio, é unha campaña de marketing que non costa cartos. Animo ás empresas do concello a participar e a apostar pola nosa lingua na súa actividade”.