O Concello da Coruña e a ARMH promoven a memoria das mulleres contra o fascismo

A Casa Museo Casares Quiroga abriu as súas portas á exposición ‘Mulleres resistentes’, organizada polo Concello da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) co obxectivo de dar a coñecer a loita das mulleres contra o fascismo entre 1936 e 1945 en Europa. Trátase dunha exposición documental e fotográfica itinerante presente nos últimos meses en Alemaña, Italia, Bélxica, Croacia, Portugal e Francia xunto con outras cidades españolas.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, interveu na presentación da exposición e reivindicou a importancia de que as institucións continúen
traballando a prol da memoria histórica: “Concienciar sobre o pasado ás novas xeracións e poñer en valor a nosa historia é un deber democrático que debemos impulsar dende as institucións públicas”.

Canosa tamén destacou a importancia de poñer o foco nas mulleres como parte invisibilizada da historia. “Renderlle homenaxe ás mulleres resistentes é renderlle homenaxe á condición feminista da Coruña” aseverou.

Tamén interviron na apertura Carmen Rodeja, presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en Galicia; Mónica Borrás, xestora cultural; e a poeta Carmen Blanco, quen recitou un poema na memoria das mulleres resistentes contra o fascismo.

A mostra ‘Mulleres resistentes’ traza un percorrido documental e fotográfico pola resistencia das mulleres na loita contra o fascismo na Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial, conectando a resistencia en Galicia e en España coa de Francia, Italia e Alemaña. Na exposición poderase coñecer as diferentes organizacións femininas antifascistas, o papel das mulleres como enlaces ou mensaxeiras, como enfermeiras, como milicianas, como guerrilleiras, nas Brigadas Internacionais ou na fronte de combate.

Tamén se aborda a importancia e a contribución das que loitaron dende os seus fogares e pola supervivencia das súas familias, dende o campo ou dende as fábricas, ou coa cámara fotográfica, o bolígrafo e a palabra como armas. A represión e os fusilamentos, as prisións e os campos de concentración son parte tamén da investigación desta exposición na que se manifesta a firme determinación de milleiros de mulleres europeas de loitar contra o avance do fascismo.

A mostra inclúe, entre outras figuras galegas, á actriz María Casares. “Penso que non pode haber mellor espazo que o que fora o propio fogar da familia Casares Quiroga, símbolo da represión franquista na Coruña e hoxe símbolo da memoria democrática” explicou Nereida Canosa. A exposición tamén recolle outras mulleres galegas como as irmáns Touza, ás irmáns Fandiño Ricart ‘As Marías’, Enriqueta Otero, Placeres Castellanos, María Vázquez Blanco, Mercedes Núñez ou Consuelo Rodríguez López, ‘Chelo’.

O proxecto Mulleres Resistentes céntrase na contribución do movemento dos dereitos da muller á democracia en Europa, movemento que abrangue dende a batalla polo dereito ao voto da muller (en España no ano 1933) ata a resistencia das mulleres na loita contra o fascismo na guerra civil española e a segunda guerra mundial.

Faladoiro ‘A memoria das mulleres’

No marco da exposición, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá o faladoiro ‘A memoria das mulleres’, coa presentación de tres casos de represión en tres momentos temporais diferentes: a represión iniciada no golpe de Estado do 1935, o desmantelamento dos resistentes no monte nos anos cuarenta e a loita á contestación social e obreira dos anos setenta. Terá lugar o xoves 12 de setembro ás 19.00 horas.

Estará coordinado pola periodista Clara Bernal e a profesora Olga Mahía e contará con catro
relatoras:

– Paz Gómez del Valle, neta da vítima María del Valle. Foi levada ao cárcere de Bande por
pedir a liberación do seu fillo. Alí foi víctima de secuestro e asasinato sendo posteriormente
represaliada toda a familia.

– Salomé de la Torre, neta de Carmen Rodríguez Nogueira. Foi enlace da guerrilla
encarcelada e torturada perdendo a grande parte da súa familia.

– Fina Varela e Sari Alabau: activistas nos anos setenta durante o inicio das organización
cidadás e obreiras. Encarceladas tras os sucesos de Ferrol en 1973.

Os casos dos seus familiares e delas mesmas servirán para analizar os distintos tipos de
represión durante o franquismo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego