O compromiso co galego envolve a entrega dos Premio Rosalía de Castro da Deputación

Dende a literatura ata os xogos, non hai límites disciplinares á hora de traballar pola dignificación da lingua e promover a súa transmisión ás xeracións futuras. Sobre estas ideas xiraron as intervencións das galardoadas co Premio Rosalía de Castro de Lingua 2022 durante o acto de entrega que tivo lugar na Casa Museo de Rosalía de Castro.

O acto, que estivo encabezado pola deputada de Políticas de Igualdade e Normalización Lingüística, María Muíño, e polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, serviu ademais para celebrar, en palabras da deputada, “o compromiso forte co galego”. Así, a premiada na categoría de persoas, a escritora María Canosa enxalzou a transmisión da lingua nai que ela recibiu por parte da súa familia e que agora ela transmite ás súas fillas.

O presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, premiada na categoría entidades, fixo un repaso polos máis de corenta anos de actividade da Asociación e que acaba de acadar o medio milleiro de autoras e autores asociados. Por último, Irimia Fernández, creadora dos xogos infantís Brazolinda, proxecto premiado na categoría dedicada a promoción da lingua entre a poboación de menor idade, incidiu na importancia de contar con recursos na lingua propia en todas as facetas da vida e desde idades temperás, e nomeadamente a través dos xogos e o lecer. O acto rematou coa música de Adhara & Ritman.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego