O Composfest celebra o 90 aniversario da Sala Capitol cun cartel de luxo encabezado por Grande Amore

A Praza da Quintana celebrará a terceira edición do Composfest o 30 de maio ás 20.30 horas, un festival promovido pola SD Compostela coa colaboración do Concello, para conmemorar o 90 aniversario da Sala Capitol, referente cultural da cidade.

Grande Amore, Houlin’Jaus e Helena Egea compoñen un cartel de luxo no que promete ser un dos pratos fortes das Festas da Ascensión. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, destacou que as Festas da Ascensión, as “máis picheleiras”, caracterízanse por acoller grupos de enorme e ampla repercusión e o Composfest certifica un calendario que inclúe ás Tanxugueiras o xoves 29 de maio tamén na Praza da Quintana.

Grande Amore e Helena Egea reuníronse este luns para animar á veciñanza a acudir a esta festa. “Animamos a toda a xente a que veña, é a primeira vez que Grande Amore actúa na Praza da Quintana”, destacou Nuno, quen se mostrou emocionado por este acontecemento tras dez anos vivindo e Compostela. Pola súa parte, Helena Egea, tamén animou a todo o mundo a asistir a este concerto que abrirá ela mesma para dar paso o resto da programación “chulísima”, nas súas palabras.

Grande Amore

O grupo máis ruidoso da súa xeración. Guitarra, ritmo e voz, todo tan roto como sexa posible, Grande Amore son o grupo máis rockeiro e menos rockeiro ao mesmo tempo. Son Premio Martin Codax 2022 e Preminos MIN Mellor álbum en galego en 2024. Grande Amore lanzou III este ano, o seu terceiro disco publicado baixo o sello de Ernie Records.

Helena Egea

É un proxecto onde a voz é protagonista, evocando as grandes mulleres do jazz, do blues ou do rock. A paixón, a raiba e a frustración dan forma a historias e reflexións sociais, en inglés e en galego. Tras estrear o seu formato banda no Festival da Luz 2023, vén de lanzar o seu primeiro EP: Flares of Life, con temas tan destacados como “Glass” ou “Arrolo”.

Howling Jaws

Como banda convidada chegan os parisienses Howling Jaws. Dous anos despois do seu aclamado debut Strange Effect, presentan Half Asleep Half Awake, un segundo álbum cargado de himnos imparables, melodías luminosas e riffs ardentes que devolverán a fe no rock. Unha auténtica descarga de enerxía que conquistará á Quintana.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego