O II Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) chega á Cidade das TIC da Coruña entre os días 7 e 9 de novembro tendo como eixo vertebrador a temática ‘A lingua e o audiovisual’.
Este evento, promovido pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, buscará abordar en profundidade o extraordinario fito histórico que supón que algunhas producións con versión orixinal en galego estean acadando nos últimos anos importantes recoñecementos fóra das nosas fronteiras.
O foro servirá para analisar a diversidade lingüística no sector audiovisual co obxectivo de valorar a situación actual e debater os retos aos que se enfronta. FIGA contará coa participación de máis de trinta profesionais nacionais e internacionais que compartirán as súas experiencias na produción e distribución de audiovisual en linguas minoritarias.
Xornadas
A xornada do xoves 7 levará por título “Na procura da nova televisión: públicos mozos, accesibilidade e referentes renovados” e nela tratarase o desafío de atraer ás audiencias máis novas desde a diversidade lingüística. O venres 8, co lema “Unha esfera cultural propia: producir en linguas minorizadas ou minoritarias” abordarase o impacto da produción en linguas non hexemónicas no panorama cultural e industrial. Para rematar, as sesións do sábado 9 estarán englobadas baixo o título “Cara un circuíto estable e unha normalización na lingua do audiovisual”, para explorar as posibilidades de avanzar cara un sistema audiovisual que promova de forma efectiva a normalización do uso lingua galega.
María Soliña Barreiro González, profesora titular no departamento de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo de investigación GEA (Grupo de Estudos Audiovisuais) é a directora de contidos desta iniciativa coa que a Academia desexa “valorar o estado actual e debater os retos de futuro que afectan ao sector en Galicia dende a perspectiva da intersección entre a diversidade lingüística e o medio audiovisual.”