O cineasta Tommaso Santambrogio, que conecta Galicia con Etiopía e Italia, estará este xoves no Museo do Pobo Galego

O cineasta italiano Tommaso Santambrogio ofrecerá unha masterclass titulada Da voz á imaxe: tradicións orais e narración visual contemporánea entre Etiopía, Galicia e Italia, mañá mércores, 14 de outubro, ás 17:30 horas, na sala de actividades da Ala Sur do Museo do Pobo Galego.

A masterclass abordará o proceso de traballo de Teret Teret, un proxecto de investigación en desenvolvemento dedicado á tradición oral etíope e a unha das páxinas máis escuras do colonialismo italiano: en febrero de 1937, tralo atentado contra o vicerrei Rodolfo Graziani, o réxime fascista italiano desencadenou unha represión sistemática que, ademáis da masacre indiscriminada de milleiros de civís, apuntou deliberadamente contra contacontos, adiviños e narradores orais, identificados como os principais custodios da memoria e da conciencia colectiva do país: segundo a documentación oficial foron asasinados arredor de 3000, cifra probablemente moi inferior á real. Fronte a ese silencio imposto, o proxecto propón un xesto de reescritura: recoller as historias que sobreviviron e situalas no centro dunha nova produción artística, construíndo un mapa sonoro das memorias etíopes. No seu traballo, Santambrogio conecta esta realidade coa de Galicia e Italia, nunha masterclass que será aberta ao público pero require inscrición previa, enviando un correo a deac@museodopobo.gal.

A continuación, con entrada libre, procederase á proxección do filme Taxibol, peza coa que o cineasta italiano acadou o Premio MICE ao Mellor Filme da 19ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. Mentres percorren en coche as rúas de Cuba, Lav Diaz —o famoso director filipino— e Gustavo Fleita —un taxista cubano moi falador— discuten sobre política, migración, condicións sociais e amor; tocando moitas historias e experiencias persoais, crean un fresco histórico das condicións dos seus propios países. Durante os seus diálogos, xorde a verdadeira razón da presenza do director en Cuba: Lav está a buscar a un misterioso ex-xeneral escapado de Filipinas tras o fin da ditadura de Marcos, Juan Mijares Cruz, para dar xustiza ao pobo filipino.

Tommaso Santambrogio

Tommaso Santambrogio é un director de cinema e investigador italiano que traballa entre o cinema, a narración oral e a antropoloxía visual. Algúns dos seus traballos foron estreados no Festival Internacional de Cinema de Venecia e colaborou con cineastas como Werner Herzog e Lav Diaz. Realizou estudos de cinema no EICTV de San Antonio de los Baños, en Cuba, e actualmente imparte clases de dirección de cinema e produción audiovisual na Civica Scuola di Cinema Luchino Visconti, na Nuova Accademia di Belle Arti e na Universidade Bocconi. Nas súas obras, Santambrogio procura redirixir a atención cara as historias, os corpos, os lugares e as contradicións alén das narrativas dominantes.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego