A campaña ‘DE FRONTE á violencia de xénero’, impulsada e organizada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña reactívase no marco da campaña deste 25 de novembro. O obxectivo do departamento xestionado pola deputada María Muíño é incidir na sensibilización e fomentar a reflexión entre a poboación moza, pero sobre todo tendo en conta a tecnoloxía como elemento facilitador das desigualdades de xénero e de prácticas de violencia machista.
“Os datos obxectivos indican que a violencia machista pervive de xeito estrutural na nosa sociedade” explicou María Muíño durante a presentación da campaña. A deputada indicou que “1 de cada 5 rapaces de entre 16 e 25 anos considera que a violencia machista non existe e asimílana como un invento ideolóxico creado polo movemento feminista, e só 4 de cada 10 considera que as desigualdades de xénero son elevadas e causan dano ás mulleres”.
Ante isto, a programación deseñada pola entidade provincial céntrase na prevención da violencia machista no público xuvenil.
Programación
Ciberquedada para público xuvenil: as violencias dixitais serán o fío condutor dunha gran quedada que se restransmitirá o día 23 de novembro desde o IES Rosalía Mera e na que participará alumnado de máis dunha vintena de centros educativos de secundaria. Esta actividade estará dirixida por persoal técnico especializado en violencias dixitais.
Vídeos: Melania Cruz será a cara visible dos microvídeos que se colgarán o luns 21 na web da campaña, e que ofrecerán información para sensibilizar sobre diferentes situacións reais de violencia dixital, traballando temáticas como ciberacoso, sexting, sextorsión, grooming.
Merchandasing: a submisión química será o tema central que se abordará nesta acción. Trátase de facer visibles os casos de submisión química que se están a producir nos últimos anos e o perigo que implican para a integridade física e emocional das mulleres. Entregaranse 10.000 vasos co logo da campaña en centros educativos e na ciberquedada, chamando a atención sobre a necesidade de todas as persoas por igual de desfrutar das bebidas con seguridade.
Actividades específicas: crearase un xogo interactivo para público infantil e realizaranse actividades in situ en centros que traballan con persoas con diversidade funcional. Todas as actividades están deseñadas e coordinadas por persoal técnico especializado.
Acto institucional 25N: o día 25 de novembro ás 09:45h no IES Puga Ramón realizarase a lectura institucional por parte da deputada de Igualdade, na que participarán persoal docente e alumnado do centro e membros da Corporación provincial. Neste acto, o alumnado do Conservatorio de Danza da Deputación realizará a estrea dun espectáculo preparado ad hoc para este día.