San Sadurniño volverá converterse na capital do audiovisual galego desde mañá, venres 6, ata o domingo, grazas ao Chanfainalab promovido polo Concello. Nestes tres días, cerca de 40 cineastas asumirán o desafío de contar unha historia sen pasar dos límites municipais de San Sadurniño.
Tres días de creación audiovisual
Todas e todos eles teñen por diante tres intensos días nos que deberán concibir unha historia -se non o fixeron xa-, planificala, producila e gravala, aínda que nada lles quita de volver máis adiante se o precisan para completar o proceso.
O tema polo que poden tirar é totalmente libre no concepto, na forma e no fondo, xa que a única esixencia é que a filmación se faga dentro dos límites municipais e que o resultado final -que se verá en febreiro- non supere os 5 minutos.
O IX Chanfainalab traerá, coma sempre, experiencias compartidas, aprendizaxes e encontros interxeneracionais que se estrearán no mes de febreiro, ademais de actividades paralelas que xa comezaron hai uns días cos obradoiros impartidos por Kevin Lorenzo e Domingo D. Docampo.
Tres días de proxeccións
Outras aínda están por vir, como a “Eira de Cineastas” precedida dun Aurresku de Mateo Couce -venres 6-, a proxección de “Clásicos da Chanfainalab” dedicado ao Castelo de Naraío -sábado 7- e o espectáculo teatral da compañía Bucanero, “Sesión continua”, -domingo 8-, interpretado por Pedro Picos e Xosé Bonome acompañados de Sabela Hermida. Todas as actividades son de entrada libre.
Castelo de Naraío
Este ano o Chanfainalab tomou como referencia o Castelo de Naraío e á súa relevancia como enclave histórico fundamental para entender a revolución Irmandiña do século XV. Un monumento que, ademais, está situado aos pés do macizo do Forgoselo, que fai de fronteira sur do Xeoparque do Cabo Ortegal e que é tamén outro dos recursos que o Chanfaina pretende promocionar.