O vindeiro sábado, 15 de febreiro, o Chanfaina Lab estreará na Casa da Cultura de San Sadurniño as 24 curtamentraxes realizadas no marco da IX edición da Chanfainalab. A
s metade das pezas foron gravadas por cineastas galeg@s: Irene Ávila, Xosé Bocixa, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Eva Lareo, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Cora Peña, Héctor Pousa, Isabel Rei, Manuel Recouso, Álvaro Trigo e Andrea Zapata-Girau.
A outra metade por afeccionados locais e a propia veciñanza de San Sadurniño: Ángela Arnosa, Bieito Beceiro, Fran da Lobeira, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cruz Piñón, Abel Vega e os colectivos A Rigueira, Naraío Media, Teño unha horta e The Sun Girls.
Todas as pezas foron producidas durante a fin de semana do 7 e 8 de setembro do 2024, asumindo o desafío de contar unha historia de estilo e formato libre no Concello de San Sadurniño. A gala da estrea será conducida polo popular actor Fran Nogueira.
PREMIO BERNARDINO DE LAMAS
No decurso do acto outorgarase por vez primeira o Premio Bernardino de Lamas, que pretende recoñecer a traxectoria dunha persoa viva que teña demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual como cineasta non profesional ou amateur, ao marxe da industria, tanto nos seus aspectos estruturais, temáticos como narrativos.
Nesta primeira edición o xurado decidiu outorgarlle o premio ao escritor, profesor e cineasta Alberte Pagán, (Carballiño 1965): “pola súa prolífica traxectoria no ámbito do cinema experimental, na que abordou unha gran variedade de temas, linguaxes e técnicas ao longo de case sesenta pezas, producidas cos seus propios medios. A súa obra procura unha reflexión militante e antiacademicista sobre a paisaxe e o conflito social, político ou ecolóxico, tanto en Galicia como no resto do mundo”.
A Chanfainalab está organizada polo Concello de San Sadurniño e o Xeoparque do Ortegal con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.