A Universidade de Vigo xestiona, baixo o paraugas do Centro de Posgrao e Formación Permanente, unha oferta de titulacións propias vinculadas ás necesidades e demandas da sociedade, complementando os estudos universitarios. Para o primeiro cuadrimestre do curso 2024/2025 a oferta abranguerá máis de 20 titulacións que xa teñen aberto o prazo de preinscrición.
Como explica Fernando Cerdeira, director do CPFP, trátase de “estudos de posgrao e titulacións propias deseñados especialmente para favorecer a empregabilidade, a reciclaxe e a promoción profesional das persoas e atendendo, de forma especial, ás necesidades formativas do estudantado e do persoal docente da UVigo”.
A estes títulos súmase como principal novidade para o vindeiro curso o Máster Universitario en Biofabricación, un novo mestrado oficial interuniversitario impartido polas tres universidades galegas que, por abranguer varios eidos do coñecemento, depende do CPFP en lugar de dunha escola ou facultade.
Unha vintena de titulacións propias, catro novidades
Entre a vintena de títulos propios que oferta o CPFP para o vindeiro curso hai catro novidades. Por unha banda, o Máster propio en Enfermería de Práctica Avanzada en Urxencias e Coidados Intensivos, coa colaboración da Fundación Ribera Salud, dirixido a profesionais da enfermería que teñan como obxectivo actualizar os coñecementos na atención integral aos pacientes en situación de risco vital.
A segunda estrea será a do Curso de Especialista en Sustentabilidade Alimentaria. Como explica Fernando Cerdeira, “o aumento da poboación está a xerar grandes desafíos á industria agroalimentaria, como o impacto medioambiental da produción e a seguridade alimentaria e nutricional” e este título propio “nace co obxectivo de formar profesionais capaces de xerar un escenario sostible na produción e consumo de alimentos”. O curso desenvólvese 100% e liña e de forma asíncrona, o que facilita a adaptabilidade do alumnado.
O catálogo de novidades para o próximo curso complétase co Curso de Experto en Vulnerabilidade, Inequidades e Discriminación, que está dotado dunha estrutura modular formada por cursos avanzados de posgrao, que poden facerse independentemente, e o curso de experto en Tecnoloxías Aplicadas ás Enfermidades Respiratorias, coa colaboración da Fundación Biomédica Galicia Sur.