Do 27 ao 31 de outubro de 2025, unha delegación do Centro Científico e Cultural de Macau (CCCM) desenvolverá unha intensa axenda de traballo en diferentes cidades galegas —Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo— para fortalecer os lazos institucionais, académicos, económicos e culturais entre a Galicia e Portugal. As actividades enmárcanse dentro dun proxecto de mobilidades do Erasmus+ no que colaboran desinteresadamente coas actividades ducias de persoas e entidades de Galicia e serán de interese para todas as persoas e entidades con relación co conxunto da Acción Exterior de Galicia, o desenvolvemento da Lei Paz Andrade ou as relacións coa China.
A visita inclúe encontros con representantes da Xunta de Galicia, as tres universidades galegas e representantes institucionais dos Concellos de Pontevedra, A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, así como a celebración dunha serie de Obradoiros abertos ao público, que profundizarán nas relacións históricas e contemporáneas entre a Galicia, Portugal, a lusofonía e a China.
Os Obradoiros, de participación aberta mediante inscrición, serán espazos de diálogo entre académicos, estudantes e profesionais interesados na proxección internacional galega e na cooperación UE-China-lusofonía. Esta visita constitúe unha oportunidade para visibilizar o papel de Galicia como ponte atlántica e lusófona, así como para estimular a cooperación con Portugal e a lusofonía, para mellorar a conexión académico, cultural e económico con Asia desde a UE.
O Centro Científico e Cultural de Macau ten por misión producir, promover e divulgar coñecemento sobre Macau como plataforma entre Portugal e a República Popular da China, así como entre Europa e Asia. A delegación do CCCM está composta por 19 persoas, encabezadas pola presidenta, Carmen Mendes, traballadoras e traballadores, técnicas e técnicos do museo e doutorandas e doutorando en estudos asiáticos.



