A Praza da Pedreira de Pontevedra converterase o no epicentro da cultura e improvisación galega coa celebración da cuarta edición da competición de freestyle en galego CeibaRimas. Será o sábado, 12 de outubro, desde as cinco da tarde ata ás once da noite, no que o público poderá gozar dun día cheo de batallas de rap improvisado, concertos e moitas sorpresas.
Lingua e talento
O CeibaRimas 2024 non só continúa coa súa misión de promover o galego a través do freestyle, senón que tamén ofrece unha oportunidade para descubrir novos talentos emerxentes como Verdini, Mestre, Galego de Caracas, Puto Rumeinian e Carola, que demostrarán as súas habilidades sobre o escenario. Ademais, entre as batallas, o público poderá bailar cos concertos de Flow do Toxo e Kid Mount.
Inscrición aberta
A inscrición para participar na competición é completamente gratuíta e aberta a todas, sen necesidade de experiencia previa noutros eventos. As persoas participantes competirán por premios de até 800€ en metálico e máis de 600€ en agasallos de marcas galegas, nas batallas máis esperadas do panorama musical galego.
Xurado de luxo
O evento contará cun xurado de excepción, composto por figuras recoñecidas do mundo da música e da improvisación oral como High Paw, MØU, C Mirazo, Alba María e ST. Ademais, o inigualable Lil Moma será o encargado de poñer voz ao evento como speaker, e a DJ Nu.Eva marcará os ritmos para manter a enerxía a tope durante toda a xeira.
Para as asistentes, haberá servizo de barra, creando un espazo onde a cultura, a música e o ambiente festivo se mesturan nun só lugar. Ademais, contará cunha afterparty no pub La Pomada, no centro da capital pontevedresa.
CeibaRimas, a competición do freestyle en galego
O CeibaRimas reafírmase así como a única competición de freestyle en galego, e un evento imprescindible para todas as que queiran vivir unha experiencia única de cultura galega.