O Castelo Conta celebrará do 24 ao 30 de agosto a súa décimo primeira edición, sete días nos que as aldeas da parroquia de Castelo volverán converterse nun espazo de encontro arredor da cultura, a memoria e a festa popular. Baixo o lema ‘Outra volta á festa’, o festival reivindica unha maneira propia de entender a celebración popular, un lugar no que música, memoria, gastronomía, humor, tradición e creación contemporánea conviven coa participación da veciñanza.
A programación foi presentada no Campo da Capela de San Ramón, nun acto aberto ao público conducido polo director do festival, Xosé A. Touriñán, que estivo acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González; a responsable de Gastronomía e Proximidade de Estrella Galicia, Cristina Canosa; e o director executivo de Deleite, Pedro González, representantes das entidades que continúan apoiando un proxecto convertido xa nunha referencia da programación cultural galega.
Durante a súa intervención, Touriñán destacou o papel central da veciñanza no desenvolvemento dun proxecto que naceu hai xa máis de dez anos e que continúa medrando desde a implicación de todas e todos. ‘O máis importante do Castelo Conta sodes vós’, sinalou, explicando que esta nova edición volve partir da mesma idea coa que naceu o proxecto: facer da cultura un punto de encontro entre xeracións e territorios.
Durante toda a presentación, púxose en valor este modelo de festival baseado na colaboración e na participación, que este ano contará con máis de 50 profesionais e 100 persoas voluntarias implicadas na organización; ademais do compromiso social, a raíz da colaboración con entidades como a Asociación de Persoas Xordas de Galicia, Ecos do Sur e a Asociación Parkinson Galicia.

Un festival que medra desde a comunidade
Os representantes das institucións e empresas colaboradoras destacaron durante a presentación o carácter singular dun proxecto que transcende a propia programación cultural.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou a importancia de apoiar iniciativas vinculadas ao territorio, á lingua e á creación de espazos interxeracionais, destacando o papel do Castelo Conta como exemplo de colaboración e defensa da cultura galega.
Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, puxo en valor que a parroquia de Castelo, a máis pequena do municipio, acolla ‘un dos eventos máis importantes’ do concello grazas á unión entre veciñanza, entidades e institucións.
Desde a Deputación da Coruña, Natividad González destacou a maneira na que o Castelo Conta integra cultura, territorio e comunidade, convertendo a parroquia nun espazo de encontro arredor das súas tradicións e propostas.
Tamén Cristina Canosa, responsable de Gastronomía e Proximidade de Estrella Galicia, sinalou que definir o Castelo Conta simplemente como un festival ‘queda curto’, pola súa ampla mirada, maneira de facer cultura, e a súa capacidade para unir a lingua, o medio ambiente, a memoria das persoas maiores e a defensa da cultura propia nun mesmo proxecto.
Pedro González, director executivo de Deleite, destacou igualmente a implicación veciñal e interxeracional dun proxecto que cualificou como ‘moito máis que un festival, moito máis que unha festa’.
Unha semana para vivir Castelo desde dentro
A programación volverá articularse arredor dos diferentes momentos do día. As mañás estarán protagonizadas por Xente Miúda, o espazo dedicado á cativada, que ofrecerá cinco xornadas de actividades nas que natureza, arte, música e teatro serán ferramentas para achegar as novas xeracións ao patrimonio da contorna mentres desfrutan e constrúen amizades. As crianzas poderán participar en todos os obradoiros do programa coa inscrición a través da web do festival.
Ao mediodía, a actividade trasladarase a Casa Rodríguez, a taberna de Castelo, que volverá converterse nun dos grandes puntos de encontro do festival cos seus míticos Vermús na Taberna. Ao longo da semana, catorce profesionais da gastronomía galega participarán elaborando petiscos en directo mentres diferentes formacións musicais acompañan cada sesión.
Nesta edición participarán catorce cociñeiros de entre os máis destacados de Galicia e da contorna, entre os que figuran Lucía Freitas, Bea Sotelo, Begoña Vázquez, Jorge Trigo, Nacho Moreira, Kike Piñeiro, Paula Martínez, Lolo Mosteiro, Chisco Jiménez, Pablo Morales, Moncho Méndez, David Vilariño e Patricia Navarrete.
A música correrá a cargo de Factoría de Subsistencia, Tapa d’Orella, Balteira, Unto Vello, Ulex, Skadelos, Quinkillada e Tanto Nos Ten. Como novidade, no vermú do mércores presentarase a iniciativa ‘As pegadas do baile’, impulsada por Artur Puga.
As tardes volverán estar reservadas aos Contos de Castelo, un dos espazos fundacionais do festival, nacido para situar no centro a oralidade, a memoria e as historias das persoas maiores da parroquia. Ao longo da semana desenvolveranse encontros arredor da figura de Finita Gay, a tradición oral e a regueifa, o baile tradicional, o proxecto ‘Mulleres que Contan’ e a recuperación de mitos e lendas vinculados á literatura galega. Cada unha destas sesións converterá unha das aldeas da parroquia nun espazo para compartir experiencias e coñecementos de xeración en xeración.
Ao caer a tarde, as diferentes aldeas de Castelo volverán transformarse en escenarios ao aire libre para acoller os Seráns do Castelo Conta. A programación musical arrancará cun concerto especial da Orquestra Bravú Xangai, arredor da figura de Finita Gay, e continuará cun cartel que reúne diferentes xeracións e linguaxes da escena musical galega: 9Louro, Kid Mount, Ailá, De Ninghures, Xoel López e Antía Muíño, ademais das sesións de DJ Kike Varela e DJ Mínimo e unha actuación especial do grupo de baile de Castelo.
Ademais, esta edición volverá contar coa Foliada do Castelo Conta, unha das citas máis participativas do festival que, tras a gran acollida do ano pasado, regresa como un espazo aberto no que música e baile volverán ocupar o centro da festa.
Outro dos momentos destacados na programación chegará o xoves, coa estrea do documental ‘Mulleres que Contan’, unha produción que recolle o traballo desenvolto durante os últimos meses por mulleres de diferentes territorios rurais arredor da memoria e dos coidados.
O sábado terá lugar unha das grandes citas do festival coa celebración da Noite do Castelo Conta, que volverá transcorrer entre a churrascada popular, o humor e a música.
A gala dos monólogos, guiada por Xosé A. Touriñán, contará coa participación de Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Patricia Castrellón e Gari Garrido, acompañados pola música de Galifunk Brass. A noite rematará co concerto de Gin Toni’s.
Como é tradición, o Castelo Conta despedirá a súa décimo primeira edición coa Romaría de San Ramón, unha xornada que mantén viva a festa popular da parroquia. O domingo incluirá as misas na capela, a alborada, os tradicionais postos de roscas, a sesión vermú, a polbada popular e a actuación da Orquestra La Ocaband, pechando unha semana na que Castelo volverá converterse nun punto de encontro para milleiros de persoas.

A antesala na Taberna
Como principal novidade desta edición, Casa Rodríguez, a Taberna do Castelo Conta, prolongará a súa actividade habitual. O espazo permanecerá aberto desde o 24 de xullo ata a fin do festival, funcionando como centro social da parroquia. Contará cunha programación propia que se dará a coñecer nas próximas semanas, ampliando así o impacto do Castelo Conta máis alá da semana do festival.
Como adianto da programación, o Castelo Conta organizará o 12 de agosto unha gran festa de visionado do eclipse coa colaboración de Máis Enerxía. A cita permitirá desfrutar dun dos mellores puntos da contorna para observar o fenómeno, cunha proposta que incluirá acceso coa pulseira ‘Todo Castelo Conta’, gafas para a súa observación e unha consumición.
Ao longo destes once anos, o Castelo Conta consolidouse como un proxecto comunitario nacido da implicación da veciñanza e construído desde o rural para reivindicar outra maneira de facer cultura e de celebrar. Un festival no que a memoria dialoga coa creación contemporánea, no que a tradición convive con novas linguaxes e no que cada edición continúa creando espazos para compartir, escoitar e vivir a cultura en comunidade.
As entradas xa están á venda.
O Festival Castelo Conta é unha iniciativa da Asociación Cultural Castelo Conta e recibe o apoio do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e Xacobeo 2027, así como co patrocinio de Estrella Galicia, Deleite, Cafés Lúa, Méndez Rojo, Cartón Atlántica, Máis Enerxía, Clínica Pardiñas, Castelo Deporte e a Comunidade de Montes de Castelo.



