A memoria histórica achegarase á xente nova a través dun espazo específico no festival Canteira Fest que se celebrará en Vilaboa a medidados de setembro. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra co lema ‘A memoria ten canteira‘ que, segundo explicou a deputada de Memoria Histórica María Ortega chama a “seguir mantendo viva a memoria das persoas que sufriron tanto durante a represión franquista”.
A nacionalista insistiu en que para ela, dende que asumiu o cargo de deputada responsábel do departamento, achegar a memoria histórica á xente máis nova “é unha teima”.
Dende a organización do festival, Carlos Acuña, subliñou que é un orgullo que a Deputación se fixase no Canteira para levar adiante a súa iniciativa. Destacou que a temática deste ano do festival pretendía ser as mulleres invisibilizadas, algo que se cumpre co programa de memoria “porque a memoria histórica ten moito de muller e de muller invisibilizada, porque foron invisibles por riba do que acontecía cos homes. Elas na época franquista sufriron tripla invisibilización”, dixo.
Acuña explicou que o ‘Espazo Memoria’ do Canteira Fest vai ter unha grande superficie no festival, xusto na entrada, para recibir a todo o público. “O programa de memoria ten que ter unha presenza especial dentro do noso festival e será transversal e se verá reflexado en todo o que se faga”, insistiu.
Durante o 16 e o 17 de setembro, ademais das e dos progratonistas do ‘espazo memoria’ pasarán polo festival artistas de todo o país e tamén algún do País Vasco: Tanxugueiras, Hihg Paw, Huntza, Punkiereteiras, Jinetes del Trópico, Flow do toxo, Grande Amore, Bravatukas, ou Sleeply Spiece, entre outros grupos.