O sector do audiovisual galego xuntouse este mércores para aplaudir a defensa da dobraxe e lexendaxe nas linguas propias efectuada nas últimas horas polo Parlamento Europeo. Nesta Cámara, aprobouse un informe para a implantación da Directiva do audiovisual onde destaca a importancia de facilitar tanto a doblaxe como o subtitulado e outros elementos en “todas as linguas do territorio onde o servizo de comunicación social audiovisual é prestado”.
O Parlamento europeo recorda, tamén, que “é fundamental designar, sen demora inxustificada, un ponto de contacto em liña facilmente acesíbel e disponíbel ao público en todos os Estados Membros” e reclámalle á Comisión máis esforzos para divulgar obras europeas que representen toda a diversidade lingüística europea, tendo em conta as linguas oficiais e as linguas rexionais e minorizadas.
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, recordou que o relatorio chegará agora á Comisión Europea para a harmonización da aplicación da directiva europea que está a ser transposta ás lexislacións audiovisuais estatais. No caso do Estado español fíxose en maio do 2022 coa aprobación dunha lei audiovisual que non incluía a dobraxe e lexendaxe a todas as linguas.
A Mesa resaltou a importancia da mobilización da sociedade galega para acadar este posicionamento do Parlamento europeo. “”Sen a iniciativa Xabarín, sen as emendas que presentou á lei audiovisual a Iniciativa polo galego no audiovisual, sen as emendas a este relatorio, sen a perseverancia na reclamación”, sentenciou, ” non se tería producido este posicionamento histórico do Parlamento europeo a favor da presenza no audiovisual de todas as linguas europeas e non só as oficiais dos Estados”.
Marcos Maceira lembrou que tanto a iniciativa Xabarín, promovida pola entidade e aprobada por unanimidade no Parlamento galego, como a Iniciativa polo galego no audiovisual, foron pioneiras nesta reclamación ao Estado español, ao contemplar no punto 2º e 3º igualdade na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións.
Tanto A Mesa como o resto das entidades do sector que participan na Iniciativa alentaron o goberno español a mudar, “canto antes”, a lei audiovisual para asumir as indicacións de Europa, incluíndo as emendas presentadas polo sector na nova lei do cinema. Ademais da lei, recodaron, “é fundamental que TVE comece mañá mesmo a cumprir tanto coa iniciativa Xabarín como cos mínimos no uso do galego que xa estabelece a lexislación”.