O asturiano Fernando Castro Paredes, nado en Tapia de Casariego (1975), gaña esta XXXV edición do Premio de Novela ‘Manuel García Barros (Ken Keirades)’. Castro Paredes, profesor de ensino secundario e un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro do IES Fernando Blanco de Cee, ten publicadas obras para público adolescente como ‘A derradeira bala’ ou a recente ‘Miss Antropía’, pertencentes á colección Costa Oeste; ou a obra teatral Papiroflexia. Agora, contará tamén con ‘Entomoloxía para misioneiro’, a obra coa que conseguíu o galardón que outorga o Concello da Estrada.
Premio García Barros 2023
O xurado composto por Patricia Arias Chachero, Iria Collazo, Marcos Calveiro, Armando Requeixo e Carlos Loureiro, acordou, por maioría concecer o XXXV Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema ‘Alberte Quiñoi’, que unha vez aberta a plica correspóndese á obra ‘Entomoloxía para misioneiros’ da autoría de Fernando Castro Paredes.
O xurado destacou nesta novela a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de occidente e oriente. Escrita cunha arquitectura moi elaborada que inclúe apístolas, informes e outras modulacións do discurso, ‘Entomoloxía para misioneiros’ ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz.