Os XV Premio Rosalía de Castro, outorgados pola Deputación da Coruña, terán este sábado a súa gala de entrega de galardóns que se lle entregarán a Pilar García Negro, Nova Escola Galega e o proxecto Aquí tamén se fala, nun acto que terá lugar ás 11h no Circo de Artesáns da Coruña, e que contará tamén coa actuación da cantante Marián Romero.
Conducido pola xornalista María Obelleira, o evento contará coas intervencións da deputada, Soledad Agra, e das persoas e entidades premiadas.
Deste xeito, os tres proxectos galardoados neste certame reciben un importe de 5.000€ cada un. Na categoría A, para persoas, a gañadora foi a escritora, sociolingüista, política e profesora Pilar García Negro; na categoría B, para entidades, o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e, na categoría C, para iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, o proxecto Aquí tamén se fala, promovido polo IES Rafael Dieste.
O obxectivo destes premios é recoñecer, en memoria de Rosalía de Castro, iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico, facendo especial fincapé no traballo cos sectores de especial relevancia para o futuro do galego.