O alumnado sénior da UVigo convértese en embaixador da ciencia en cafetarías de Pontevedra, Vigo e Ourense

Exercer de embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento. Esa será a misión de varios alumnos e alumnas do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo nun novo ciclo de charlas divulgativas impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo. A iniciativa, que forma parte do plan anual Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, trasladará o coñecemento máis aló das aulas para levalo a cafeterías e locais de encontro das cidades de Vigo, Pontevedra e Ourense.

O obxectivo é poñer en valor a experiencia, os coñecementos e as inquedanzas dun alumnado que, tras décadas de traxectoria profesional e persoal, continúa aprendendo e compartindo saberes. Para iso, os participantes asumirán o papel de divulgadores nun formato próximo e accesible, acompañados por persoal investigador da Universidade de Vigo que exercerá labores de mentoría e asesoramento.

As charlas arrancan este xoves na cafetaría La Gramola de Pontevedra

O ciclo arrancará este xoves ás 18.00 horas na cafetaría La Gramola, en Pontevedra. Nesta sesión, a estudante do PUM Coque Fariña actuará como embaixadora do coñecemento, acompañada pola profesora Luz Pérez Costas, como mentora, e pola investigadora Iris Machado de Oliveira, coordinadora do programa en Pontevedra. Cociñeira, divulgadora gastronómica e creadora de contido, Fariña desenvolveu unha intensa actividade vinculada á gastronomía, tanto nos medios de comunicación como a través das redes sociais, onde promove a cultura culinaria e os produtos galegos. Actualmente compaxina os seus proxectos profesionais cos estudos no Programa Universitario de Maiores.

En Vigo, o 19 de xuño no Vitruvia Café

A segunda cita terá lugar o 19 de xuño ás 18.00 horas no Vitruvia Café, en Vigo. Nela participará como embaixador Mauro González Bao, estudante do PUM e aprendiz permanente apaixonado pola artesanía. Na charla, titulada O milagre da miña zanfona, relatará o proceso de construción artesanal deste instrumento, combinando os coñecementos adquiridos no Programa Universitario de Maiores coa súa formación na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. A súa mentora será Carmen María Abreu Fernández, profesora da Escola de Enxeñería Industrial e coordinadora xeral do Programa Universitario de Maiores da UVigo.

En Ourense, o xoves 25 no Café & Pop Torgal

A programación completarase cunha terceira actividade en Ourense o xoves 25 ás 18.00 horas no Café & Pop Torgal. O embaixador Celso Sánchez, acompañado pola súa mentora a profesora do PUM Marisol López, falaralle ás persoas asistentes do segredo da lonxevidade na cociña tradicional galega. Na cita tamén estará presente a coordinadora do Programa Universitario de Maiores en Ourense, Alma Gómez.

Gala final o 26 de xuño en Redeiras

O ciclo culminará o día 26 de xuño cun encontro final no edificio Redeiras, en Vigo. Este acto servirá como recoñecemento ao labor divulgativo desenvolvido polos embaixadores e embaixadoras e polo persoal mentor participante nas distintas edicións da iniciativa. A xornada contará coa participación do alumnado actual do PUM e incluirá a entrega de diplomas a todas as persoas participantes nas diferentes edicións.

Con esta actividade, a UCC+i da Universidade de Vigo pecha o seu plan especial polo quinto aniversario de Ciencia de Ida e Volta (2025-2026). Esta edición dará paso a un novo plan de actividades, que a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo anunciará ao longo dos vindeiros meses.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego